Defenderá este mércores na Cámara Alta unha moción para corrixir a exclusión da subestación de moi alta tensión da planificación de redes eléctricas do Estado
O senador do PP pola provincia de Pontevedra Javier Guerra esixirá ao Goberno central que teña en conta a Stellantis e que dote a Vigo do mesmo subministro eléctrico que teñen todas as cidades do seu tamaño. Así o fará este mércores durante a defensa dunha moción ante a Comisión de Industria na Cámara Alta.
Guerra insistirá na necesidade de que o Executivo de Pedro Sánchez recupere o diálogo coa dirección de Stellantis, “unha empresa líder na fabricación de vehículos, que é tamén a que mantén en Vigo a fábrica que constrúe máis coches en España”, pois os directivos desta compañía xa se queixaron en varias ocasións da falta de comunicación co Goberno de España.
Ante esta situación, Guerra instará ao Estado a incluír na súa planificación industrial a subestación de alta tensión para a fábrica Stellantis Vigo. De feito, o texto da moción sinala que dita subestación xa estaba aprobada e incluída na anterior planificación 2015-2020 e que nela se entendía a mesma como “básica para a seguridade e fiabilidade da subministración e para evitar ocos de tensión”.
O senador vigués recorda que o sector da automoción se enfronta aos maiores cambios desde o seu nacemento como industria e que o ten que facer para cumprir unha electrificación que lles vén imposta. Neste contexto, considera “lóxico” que as administracións se preocupen por coñecer as necesidades da industria para manter a súa competitividade.
Así mesmo, salienta que “a empresa que fabrica máis coches en España, que sostén unha parte da economía de Galicia e que dá traballo coa industria auxiliar a máis de 23.000 persoas está a dicirnos que necesita xa a rede de moi alta tensión e que a vai a necesitar máis”. Por todo isto, manifestará ao Goberno que desatender esta advertencia é “unha enorme irresponsabilidade”.
Cómpre recordar que o senador popular, que xa defendeu os intereses da fábrica motor da área industrial de Vigo noutras ocasións, únese á reivindicación histórica da planta viguesa, que formulou no ano 2013 a solicitude de acceso á rede de transporte a 220 kV.
Como xa indicou anteriormente no Senado, esta fábrica é a máis produtiva de España, unha das máis produtivas do grupo a nivel internacional e compite en situación de desvantaxe co resto, pois Vigo e a súa área industrial é a única de España que conta con 132 kV de potencial e non con 220 ou 400 como outras plantas. Por tanto, “traballa en inferioridade de condicións e o que necesita é competir en igualdade”.
Guerra tamén resaltará ao Goberno que a planta de Stellantis en Vigo é a única fábrica de automóbiles do país que non ten subministración eléctrica de moi alta tensión e que esta urbe é a única cidade do seu tamaño en España que carece deste servizo.
Para o senador existe “unha necesidade total en avanzar na redución do impacto dos ocos de tensión na actividade produtiva da factoría; eficiente, moderna e altamente tecnificada, con forte presenza de sistemas de control electrónicos, autómatas programables e con procesos continuos cunha alta robotización”.
Igualmente, Javier Guerra incidirá na importancia de levar a cabo actuacións na rede exterior como a única solución dispoñible.