A secretaria xeral visitou hoxe a zona da autovía un mes despois do primeiro colapso e participou a continuación nas Nogais na constitución da Comisión de Infraestruturas
A secretaria do PPdeG, Paula Prado, pediulle hoxe ao Goberno central que “non xogue a desprezar a Galicia” e achegue “solucións válidas” para o dobre colapso do viaduto da autovía A-6, para que non continúen, deste xeito, as “decepcións” das últimas semanas.
A secretaria xeral visitou hoxe a zona da autovía, un día antes de que se cumpra un mes desde o primeiro derrubamento, acompañada do presidenta provincial de Lugo, Elena Candia; o novo portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular do Parlamento, José Manuel Balseiro; e membros da nova Comisión de Infraestruturas.
Prado dixo ter a sensación de “decepción” ao observar este viaduto, punto de conexión entre Galicia e Castela e León. “Decepción porque a grandes males teñen que darse grandes remedios, e aquí por agora son inexistentes; porque se obvia a experiencia de Galicia, que coñece o territorio e achegou propostas viables; e porque esta situación se une ao illamento co que Sánchez está sometendo a Galicia coa eliminación das paradas de autobús e o atraso da chegada dos trens Avril”, subliñou.
Así mesmo, incidiu en que “se está minguando a competitividade de Galicia de forma substancial”, tendo en conta que o transporte eólico cara ao porto de Ferrol leva un ano sufrindo as obras do viaduto e agora está nunha “situación de absoluta emerxencia”. “Hai 4.000 empregos pendentes dun fío por non tomar medidas e existe a ameaza da deslocalización das multinacionais. E o resto do transporte está a sufrir tamén as consecuencias”, sinala.
A “decepción” do PPdeG tamén se estende a que este viaduto é “unha das principais vías de entrada a Galicia”, que agora se atopa nun Ano Xacobeo, de moito turismo e moitos visitantes.
“Necesitamos transparencia, información, solucións a curto prazo e solucións a longo prazo”, apuntou a secretaria xeral, que cre que despois dun mes, “Galicia está igual que no minuto 1”, sen coñecer as causas do colapso e sen alternativas para facilitar a mobilidade.
NOVA COMISIÓN DE INFRAESTRUTURAS
Isto mesmo foi o que analizou a Comisión de Infraestruturas do PPdeG, que se reuniu este mediodía nas Nogais co gallo da súa constitución, baixo a presidencia do coordinador da materia na formación, Antonio Ameijide, e entre cuxos membros se atopan Celso Delgado, portavoz adxunto da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso, e Pilar Rojo, vogal da Comisión deste eido no Senado.
A Comisión lembrou que, cando o primeiro tramo colapsou, o viaduto xa non estaba en funcionamento, senón que se estaba a realizar unha obra de emerxencia, cun investimento de 26 millóns de euros.
Outra das cuestión analizadas foi a das medidas provisionais propostas polo Ministerio de Transportes, “insuficientes” para resolver os problemas máis urxentes a día de hoxe: o tráfico concentrado na travesía de Pedrafita, que causa inseguridade viaria; e o tránsito de vehículos especiais.
“A solución provisional do Ministerio é froito do mínimo esforzo, do mínimo gasto e da mínima responsabilidade. Mentres tanto, o Goberno de Sánchez despreza as alternativas viables e completas que dá a Xunta”, dixo Prado.
Sobre isto último, a secretaria xeral criticou que o Goberno central tamén “desprezase” onte a Galicia respondendo a través dos medios de comunicación ás propostas que enviou por carta a Xunta, “que dixeron que ían valorar”.