A secretaria do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que a formación presentará iniciativas en todos os concellos para demandar ao Goberno central que “Galicia non perda o tren da alta velocidade”, tendo en conta que isto non só afecta ás cidades, senón ao conxunto do territorio.
Durante a rolda de prensa ofrecida este venres, despois de que se coñecera que os trens Avril non chegarán en verán á Comunidade, Prado sinalou que “a alta velocidade xa chegou a Ourense pero ten que chegar a toda Galicia canto antes: a Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e tamén a Lugo e a Ferrol, onde urxen as obras de modernización ferroviaria”.
“Galicia non pode perder o tren da alta velocidade e facelo por culpa dun Goberno sen rumbo que non cumpre as súas promesas. Esixímoslle a Sánchez que non deixe descarrilar a nosa competitividade, poña en funcionamento os trens Avril e sitúe o transporte ferroviario galego no século XXI”, abundou.
A secretaria xeral lamentou que “esta desconexión de Sánchez coa realidade” vaia supoñer un dobre prexuízo para Galicia: por unha banda, para a mobilidade dos galegos; e por outra, para o turismo que está a chegar este verán, en pleno Ano Xacobeo.
Así mesmo, criticou que o único que chegou en xullo foi un comunicado de Renfe no que o Goberno central recoñeceu por primeira vez que os trens Avril non estarían en verán, “unha nova falta de respecto institucional”, ao responder deste xeito á carta que lle enviou o presidente da Xunta.
“Os galegos e galegas merecemos unha explicación de todo o ocorrido. Díxose e repetiuse que os trens Avril estarían activos este verán e agora descubrimos o que xa se sabía: non se trataba dunha cuestión prioritaria para o Goberno central. Acaso o Ministerio descoñecía que a pandemia e a guerra de Ucraína podían afectar a este compromiso?”, sinalou Prado.
REUNIÓN ENTRE RUEDA E SÁNCHEZ
Por outra banda, a número dous dos populares galegos criticou que, tras case 60 días desde que se lle solicitou a xuntanza, o presidente do Goberno continúe sen recibir ao titular da Xunta, Alfonso Rueda.
“Os galegos e galegas non queremos coñecer o futuro de Galicia a través da radio. Galicia quere que Sánchez a escoite e non agardar outros 60 días”, dixo en referencia a que o Executivo estatal só se pronunciou a través dunha entrevista radiofónica do delegado do Goberno.
Prado considera isto “outra falta de respecto institucional” e desde o PPdeG pediulle a Sánchez e o seu equipo que escoiten as reclamacións no eido sanitario, apoiadas xa por sete comunidades autónomas e que “son un exemplo de que por enriba das cores políticas están as solucións para a cidadanía”; as peticións sobre os fondos Next Generation que teñen que chegar á nosa Comunidade; ou a demanda da xestión do dominio público marítimo terrestre, “e non faga autopeticións desde o PSdeG”.
Así mesmo, solicitoulle unha resposta sobre a preocupación dos concellos galegos cando se fala de eliminar máis dunha vintena de paradas de autobús; sobre as solucións provisionais viables para o viaduto da A-6, que “segue igual que no minuto 1 do derrubamento”; e tamén “que escoite, e deixe de poñer escusas, que a chegada dos trens de alta velocidade é vital para o noso futuro”.
“Se Galicia está de moda non é, precisamente, grazas á axuda dun Goberno central que xa demostrou estar pasado de moda”, concluíu a secretaria xeral, quen engadiu que o PPdeG “si está de moda” e seguirá avanzando mañá coa elección do presidente provincial de Pontevedra no Congreso que se celebra durante toda a mañá en Vigo.