Santiago, 11 de xullo de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que “as decisións e a preocupante falta de xestión por parte do Goberno central en materia de comunicacións, tanto na perda de paradas e servizos no transporte público por estrada, como a busca dunha solución á caída do viaduto na A-6 ou a non chegada dos trens AVRIL, fan retrotraernos a outros tempos pasados de illamento de Galicia coa meseta”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios desta mañá felicitando ao novo Presidente do PP na provincia de Pontevedra, Luís López, sobre o que afirmou que “o seu traballo, xunto co do seu equipo, serán un impulso importante para que o Partido Popular recupere nas vindeiras eleccións locais concellos importantes da provincia e o Goberno da Deputación provincial, ademais de axudar para que Alberto Núñez Feijóo sexa o vindeiro presidente do Goberno de España e o PPdeG consiga a súa quinta maioría absoluta con Alfonso Rueda á fronte”.
Así mesmo, trasladou, en nome de todo o Grupo Popular, o pésame polos pasamentos do académico de Honra da Real Academia Galega, Basilio Losada; e do ex ministro de Cultura, José Guirao, recoñecendo o traballo en favor da cultura galega e española que desenvolveron ao longo da súa extensa carreira profesional.
Respecto da sesión plenaria, Alberto Pazos destacou que o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que rectifique os criterios empregados no deseño do novo mapa concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia, de xeito que 23 concellos galegos non queden sen parada e sen servizo, afectando a arredor de 140.000 galegos, principalmente da zona rural.
“Ademais desta inxustificada decisión do Goberno de Pedro Sánchez de cubrir os servizos interautonómicos con rutas máis curtas e rendibles economicamente, o que supón a perda de 76 itinerarios interiores, os galegos estamos sufrindo a súa incapacidade para resolver problemas como a caída do viaduto da A-6 ou a non chegada dos trens AVRIL comprometidos para o presente verán”, engadiu.
NOVA MENTIRA E ENGANO AOS GALEGOS
Así, sobre a caída do viaduto da A-6, Pazos lembrou que “a pasada semana coñecemos a alternativa presentada polo Goberno central, unha proposta pouco ambiciosa, xa que só reduce un treito do desvío para os vehículos que circulan cara Madrid, pero non para os que veñen cara Galicia; e parcial, porque non da resposta ao problema urxente de desviar o tráfico polo centro de Pedrafita e o paso dos transportes especiais, que está a poñer en perigo 4.000 empregos relacionados principalmente co sector eólico”.
Alberto Pazos apuntou que “tamén estamos a sufrir a ineficacia do Goberno central no que se refire á chegada dos trens AVRIL, que se comprometera para este verán, un retraso que suporá un grave prexuízo para a mobilidade dos galegos; para o turismo, nun ano tan especial coma este, no que celebramos a ampliación do Xacobeo, e para a competitividade económica de Galicia”.
“O que queda claro é que o Goberno de Pedro Sánchez volveu mentir e enganar aos galegos, xa que sabía desde hai moito tempo que a empresa Talgo non ía cumprir o seu compromiso de entrega dos trens AVRIL, e non só quedou calado todo este tempo, senón que cando se preguntou sobre este tema sempre dixo que se mantiñan os prazos”, sinalou.
En segundo lugar, o Grupo Popular centrará o seu obxectivo no Pleno na defensa do sector pesqueiro galego, en concreto amosando tanto ao Parlamento Europeo como á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea o rexeitamento ás propostas normativas que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo. “ Entendemos que o emprego destas artes poden ser totalmente respectuosa cos hábitats mariños nos que traballan”, indicou.
Alberto Pazos manifestou que estas medidas “poden ter un impacto directo na frota artesanal, xa que supoñen un desprazamento a zonas máis próximas á costa”; e considerou “indignante que estas decisións se tomen de xeito unilateral, sen unha maioría cualificada e con datos parciais e totalmente desactualizados, polo que desde Galicia estamos dispostos a loitar onde sexa necesario para defender a nosa frota e os seus intereses ante unha medida que consideramos incomprensible e gravemente lesiva para o conxunto da frota galega”.