5 de decembro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe “as dificultades que nos atopamos” para incorporar emendas dos grupos da oposición aos orzamentos da Xunta para 2023 porque “unha parte non respectan a lexislación básica e outra parte importante son idénticas ás presentadas outros anos, e que xa foron rexeitadas no seu momento”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios lembrando que no día de mañá se celebra o día da Constitución Española, que cumpre 44 anos desde a súa aprobación en referendo, que en Galicia tivo un apoio superior á media estatal. “É unha data para celebrar, dado que, aparte do progreso material na convivencia democrática que supuxo a Constitución, tamén permitiu desenvolver o autogoberno de Galicia”.
Así mesmo, sinalou que é unha norma “plenamente vixente, pese a que non sempre é ben tratada”, como estamos a ver nas últimas datas co debate sobre a derrogación da sedición. Neste sentido, Puy manifestou que “está un pouco máis desprotexida con decisións como a derrogación da sedición, que desprotexe máis unha Constitución que consideramos merece a máxima valoración e protección”.
EMENDAS REPETIDAS
Respecto da actividade parlamentaria desta semana, o portavoz popular salientou a convocatoria de sesións da Comisión 3ª a fin de elaborar o ditame do proxecto de Lei de orzamentos, que se levará a Pleno para a súa aprobación definitiva o vindeiro 20 de decembro.
A modo de avance, Puy explicou que o informe elaborado pola ponencia dos orzamentos xa incorpora as 9 emendas do Grupo Popular, así como outras dúas do Grupo Socialista e outra máis transaccionada entre o Grupo Popular e o Socialista.
“Desde o primeiro momento xa manifestamos a nosa disposición a aproveitar as emendas da oposición para mellorar o texto, pero atopamos moitas dificultades para incorporar as súas propostas”, lamentou o portavoz popular. Así, sinalou que a metade das emendas do BNG “non respectan a lexislación básica, de obrigado cumprimento, como acontece coa suba das retribucións dos empregados públicos no 2,5 por cento, que eles incrementan e non pode ser porque hai que respectar o que marca o Goberno de España”.
Ademais, e “despois de ser acusados de ser continuístas, as emendas presentadas pola oposición son idénticas ás que xa levamos debatendo nos últimos anos, con independencia do cambio de circunstancias e de que os orzamentos para 2023 incorporan importantes incrementos de gasto”.
Por outra banda, e cuestionado polas competencias impropias que asumen a Xunta e os concellos, Pedro Puy considerou “inoportuno que a Fegamp rachara o acordo co Goberno galego de realizar un informe de expertos” para facer un balance e levar adiante un axuste do financiamento. “O razoable sería volver ao acordo inicial, para saber exactamente canto gastan os concellos en competencias que non lle corresponden e, á inversa, canto está a investir a Xunta nos concellos en actuacións que non son da súa competencia”.