Elaboración dun Plan galego de prevención do cancro de pulmón no que se empreguen métodos innovadores de detección para facer deste programa unha iniciativa pioneira a nivel estatal.
Os programas de cribado de enfermidades oncolóxicas teñen sido un sinal de identidade do sistema público de saúde de Galicia e, ademais, obxecto dun amplo acordo político, aínda que non sempre saíron adiante co apoio unánime da Cámara.
Dende fai anos a Xunta de Galicia traballa arreo na realización de cribados de distintas patoloxías coa finalidade de detectar de maneira precoz as distintas patoloxías que afecten á poboación galega.
Os diferentes programas foron quen de ir abrindo paso pouco a pouco á extensión dos cribados á toda a poboación diana.
Dende un comezo, en 1992, cando o SERGAS puxo en marcha o primeiro cribado de cancro de mama, o cal se foi estendendo paulatinamente nos anos seguintes ata acadar toda a poboación diana. Pasando polo cribado colorrectal que comezou no
2013 e se estendeu ata acadar a súa implantación completa no 2019. Ou como o cribado de cancro de cervix que xa estaba operando como proxecto piloto na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos na anterior lexislatura e nesta cóntase con estendelo a todo o territorio galego, cumprindo así o compromiso adquirido.
Un dos cancros con maior incidencia nos que Servizo Galego de Saúde fai maior incidencia é o cancro de pulmón. Este tipo de cancro é o terceiro en frecuencia tanto en homes (21.847) coma en mulleres (7.791), sendo detectados cada ano 29.638 novos casos de cancro de pulmón en toda España (a datos de 2020).
Aínda pola súa posición en terceiro posto como a patoloxía canceríxena máis común, o cancro de pulmón é a primeira causa de morte por cancro, tendo unha mortalidade moi elevada e estimándose que está detrás de máis de 22.000 falecementos por esta causa ó ano.
Malia que as series publicadas polas distintas comunidades autónomas españolas son bastante heteroxéneas tanto en resultados como en metodoloxía, todas describen un incremento progresivo da incidencia de cancro de pulmón nas últimas décadas.
Por iso o SERGAS leva realizado ó longo destes anos numerosas campañas de prevención fronte ó tabaquismo como causa principal deste tipo de cancro.
Polo tanto a Consellería de Sanidade debe continuar avanzando neste senso e mellorar na prevención dos distintos cancros, pero en especial do cancro de pulmón.
Para continuar nunha senda de prevención activa, as deputadas e deputados do Grupo
Parlamentario Popular, presentamos a seguinte proposición non de lei en pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar un Plan galego de prevención do cancro de pulmón no que se empreguen métodos innovadores de detección para facer deste programa unha iniciativa pioneira a nivel estatal”