Solicitude ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 actuacións claves para a industria galega
A actual Planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021 – 2026 foi aprobada polo Consello de Ministros o 22 de marzo de 2022, despois dun proceso de tramitación iniciado no ano 2019. Nesta planificación Galicia foi moi penalizada respecto a plans anteriores, ao asignárselle tan só 68 millóns de euros, é dicir, un 1,1% do investimento total (6.964 millóns de euros). Sirva de exemplo que no período anterior, 2015 – 2020, o investimento para a comunidade galega ascendeu a 308 millóns de euros e que naquel momento supuxo o 6,7% do conxunto nacional.
En paralelo á súa tramitación e aprobación, están a promoverse en Galicia unha serie de proxectos industriais intensivos en enerxía que precisan conexión á rede eléctrica para atender o seu consumo e poder garantir así a súa viabilidade e competitividade. Este é o caso das plantas de Altri, Showa Denko e H2 POLE, entre outros. Por outra banda, o desenvolvemento destas infraestruturas beneficiará tamén á competitividade de proxectos relevantes do noso tecido produtivo como é o caso de Stellantis, Sentury ou Ence.
Cómpre recordar que a suma destes proxectos supón unha oportunidade única para promover a transformación do noso modelo produtivo e impulsar unha nova xeración industrial e promover miles de empregos, tanto nas etapas de construción e de operación. Polo tanto, aínda que desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico se anunciou o inicio da tramitación dunha nova Planificación
Eléctrica para o período 2024-2029, os tempos de realización destes proxectos necesitan ter certezas xa sobre a dispoñibilidade da súa conexión á Rede.
Por este motivo, desde o Grupo Parlamentario Popular entendemos prioritario que se puiesen aprobar as modificacións necesarias na Planificación eléctrica actual 2021-
2026 co obxectivo de dar unha solución a corto prazo aos proxectos tractores que en
Galicia se están a impulsar para maximizar a cadea de valor industrial.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 as actuacións seguintes:
1. Construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente entre Mesón do Vento-Belesar para atender en condicións óptimas as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostibles de ALTRI en Palas de Rei.
2. Ampliar a capacidade da subestación existente nos nós de Sabón e Meirama para dar viabilidade aos proxectos industriais existentes na área da Coruña como son a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a
planta de amoníaco verde de Armonía, entre outras iniciativas anunciadas por diversos promotores.
3. Determinar o destino dos 1400MW de capacidade dispoñible no nó existente nas Pontes para ver a compatibilidade do proceso de desmantelamento parcial da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona, como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa, a biofábrica de Ence ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel.
4. Inclusión da nova subestación de 220 kV para a zona industrial de Vigo para garantir unha subministración eléctrica de calidade tanto á fábrica de Stellantis en Balaídos, como a toda a área industrial desta localidade.
5. Dar cobertura a calquera outra necesidade da industria galega, xa sexa da que estea asentada e da que quere implantarse na nosa Comunidade para impulsar a recuperación económica e a creación de emprego”.