4 de xaneiro de 2023. O Partido Popular de Galicia volve lamentar que o Goberno central non atendera as súas peticións para incluír ao peixe na rebaixa do IVE e que as axudas ao combustible sexan tan limitadas que “non van dar resposta ás expectativas que ten o sector”.
Así o manifestou hoxe a responsable de Pesca do Partido Popular, Rosa Quintana, na visita que realizou xunto á Comisión de Pesca do PPdeG á lonxa de Ribeira. Acompañados polo alcalde Manolo Ruiz, os populares puideron coñecer así de primeira man o funcionamento da lonxa que catalogaron como “a máis importante de pesca costeira artesanal de Galicia”.
Durante esta visita, Rosa Quintana fixo balance dos aspectos que máis preocupan ao sector pesqueiro galego e indicou neste sentido que o ano 2022 supúxolle “moitas dores de cabeza”, a causa de acontecementos negativos como foi o Regulamento de execución da Comisión Europea no que se impuxeron 87 zonas vedadas para a pesca de fondo. “Unha decisión que afectou ao arte máis selectivo que temos, que é o palangre”, afirmou.
A isto habería que engadir as decisións negativas do Goberno central como a exclusión do peixe da rebaixa do IVE – pese a que así o demandaron en reiteradas ocasións tanto o Partido Popular como a Unión Europea e o propio sector – ou a aprobación dunhas axudas ao combustible “con moitas limitacións” e que, segundo os populares, “non van dar resposta ás expectativas que ten o sector”.
Rosa Quintana concluíu que, a pesar de que “se agardan momentos complicados”, aínda hai marxe ao optimismo: “A maioría dos recursos atópanse en moi bo estado biolóxico e, de feito, para este ano temos un 25% máis de posibilidades de pesca como consecuencia precisamente desta boa situación na que se atopan os caladoiros galegos”.
A responsable de pesca do PP animou aos seus compañeiros a “seguir traballando para intentar convencer á Comisión Europea de que non esqueza a importancia da pesca” e para convencer tamén ao Goberno central de que “amplíe as axudas sobre os costos ao combustible para que poidan cubrir os gastos que está tendo o sector para manter a súa explotación”.
UNHA APOSTA POR MELLORAR A SITUACIÓN DO SECTOR DA PESCA
Tras a visita á lonxa, os representantes da Comisión de Pesca do PPdeG mantiveron unha reunión na sede dos populares de Ribeira onde o presidente da Comisión, Antonio Basanta, aproveitou para recalcar a importancia destas xuntanzas “para tratar de mellorar a situación que está a vivir o sector”.
Na reunión interviñeron tamén os voceiros de Pesca do Partido Popular na Comisión Europea, Paco Millán Mon; no Congreso dos Deputados, Joaquín García Díez; e no Parlamento de Galicia, Teresa Egerique. Todos eles puxeron en común as diferentes iniciativas levadas ao cabo nas súas respectivas Cámaras ao longo do último ano e sentaron as bases do que será o seu traballo ao longo deste 2023.