31 de xaneiro de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España impulse as modificacións legais oportunas para permitir que o novo réxime de xubilación activa mellorada para médicos de familia e pediatras de atención primaria poida aplicarse a estes profesionais ata os 72 anos de idade.
Así mesmo, demandará o apoio do Parlamento galego para solicitar ao Presidente do Goberno central o cese inmediato da secretaria de Estado de Igualdade, logo da súa actitude e declaracións bromeando sobre as rebaixas de penas e excarceración de agresores sexuais beneficiados pola aplicación da coñecida como Lei do “só si é si”.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a petición propia, para informar sobre as políticas da Xunta en materia de solo empresarial. O Goberno galego encárgase da planificación, desenvolvemento e comercialización do solo a través do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, a recente Lei de áreas Empresariais e as actuacións de solo empresarial.
ATENDER A DEMANDA DE SOLO EMPRESARIAL
“A conselleira fará un balance das bonificacións no prezo do solo propiedade da Xunta que se puxeron en marcha en 2015 e que están favorecendo o asentamento de empresas na nosa comunidade, ao tempo que avanzará as liñas mestras da política de solo empresarial que marcarán este 2023, que xirarán en torno á urbanización de novo solo empresarial e á redacción de todos os documentos técnicos que permitirán a ampliación de parques empresariais nos que se está detectando demanda”, indicou Pedro Puy.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá que o Goberno central, unha vez que facilitou desde o pasado mes de decembro a xubilación activa dos médicos e pediatras de atención primaria, autorice o aumento a 72 anos da idade de xubilación, como ocorre noutros empregos públicos como os xuíces ou maxistrados.
Pedro Puy lembrou que “en Galicia xa levamos comprobada a eficacia da posibilidade da prolongación do servizo activo desde o 2016, cando se permitiu a solicitude de prórroga ata os 70 anos, a idade máxima permitida pola lei”. “Por este motivo, consideramos que ampliar a idade de xubilación, unido ás condicións extraordinarias que formula o Goberno central, podería facer atractiva esta opción para os profesionais de atención primaria e contribuír a resolver o problema de falta de médicos existente en todo o territorio español”, manifestou.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará ao Pleno do Parlamento galego o apoio para pedir ao Presidente do Goberno de España o cese inmediato da secretaria de Estado de Igualdade polas súas declaracións a respecto da rebaixa de penas de agresores sexuais motivado pola aprobación da Lei integral da liberdade sexual. “Non é de recibo, e nos provoca preocupación e rexeitamento, que haxa altos cargos do Goberno central que se dediquen a banalizar unha lexislación que estivo mal plantexada”, sinalou Pedro Puy.
Por último, e no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo uso da tarxeta Xente Nova; sobre as medidas que está a tomar a Xunta para paliar a situación de dificultade que están a atopar as empresas para poder contratar perfís e man de obra, tanto de baixa como de alta cualificación; ou sobre os fondos da Administración galega para o financiamento das universidades públicas galegas.