28 de febreiro de 2023. O Grupo Popular pedira no Pleno da vindeira semana, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, que o Goberno central revise con urxencia a Lei do so si é si, vele polo benestar das vítimas cuxos agresores foron excarcerados ou se lles rebaixara a pena, e implante todas as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero destinadas á protección, apoio, intervención e recuperación integral das vítimas.
Así mesmo, os deputados popular pedirán que o Goberno de España cuantifique o retraso concreto que sufrirá a renovación da liña ferroviaria de ancho métrico que opera en Galicia e outorgue aos usuarios deste servizo na Comunidade galega as mesmas medidas compensatorias anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos do retraso na renovación destes trens, asegurando a gratuidade do servizo polo menos ata 2026.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a orde do día da sesión plenaria incorpora dúas proposicións non de lei impulsadas polo Grupo Popular para modificar a Lei do Consello Consultivo de Galicia e o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas. Estas iniciativas lexislativas, que se aprobarán polo procedemento de lectura única, atenden peticións realizadas polos respectivos órganos institucionais para levar adiante axustes que lles permitan mellorar o seu traballo e avanzar na tramitación telemática dos procedementos.
COMPETENCIAS MUNICIPAIS
O Pleno inclúe, ademais, a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, por petición propia, para informar sobre a estratexia para mellorar o saneamento e a depuración das rías galegas. Neste sentido, Puy lembrou que o Consello da Xunta aprobou o pasado 12 de xaneiro a Estratexia para mellorar o saneamento e depuración das rías galegas e rematar as actuacións planificadas co horizonte do ano 2027.
“Aínda que as competencias en saneamento e depuración son municipais, a Xunta é consciente da complexidade técnica, administrativa e económica que supón este tipo de actuacións e por iso asume a responsabilidade de tutelar o saneamento das rías galegas, apoiando aos concellos na execución, explotación e profesionalización dos seus sistemas de saneamento e depuración municipais”, lembrou o portavoz popular, quen apuntou que neste momento a Xunta está a executar actuacións por máis de 66 millóns de euros.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central a mellora do servizo ferroviario de ancho métrico (a antiga Feve), que en Galicia conecta as localidades de Ferrol e Ribadeo, para logo continuar por Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela-León. Pedro Puy referiuse ás “coñecidas deficiencias que presenta este servizo de transporte, polo deterioro do material rodante, a falta de mantemento e a supresión de persoal”, unha situación que se viu agravada polo erro nas medidas dos novos trens.
“Diante desta situación, o Goberno de Pedro Sánchez anunciou que este servizo será gratuíto en Asturias e Cantabria como medida compensatoria pola tardanza na chegada dos novos trens, algo que tamén pedimos para Galicia, ao tempo que solicitamos un plan de electrificación da totalidade da liña de ancho métrico que opera en Galicia”, indicou.
REVISIÓN DA LEI DE SÓ SI É SI E IMPULSO PACTO DE ESTADO
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de Pedro Sánchez revise pola vía de urxencia a Lei Orgánica de garantía integral de liberdade sexual, coñecida como a Lei de Só si é si, para que quen cometa delitos sexuais teña as mesmas penas que estaban en vigor ata setembro de 2022 e que se viron rebaixadas coa actual normativa.
Pedro Puy lamentou que esta problemática “está a tapar outro que é a inmobilidade do desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero”, polo que se solicita implantar todas e cada unha das súas medidas destinadas á sensibilización e concienciación sobre os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas específicas de cara ás persoas traballadoras embarazadas recollidas no I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Servizo Galego de Saúde; pola súa valoración sobre as rebaixas de condenas e excarceracións que están a ter lugar en Galicia en aplicación da Lei de Só si é si; e sobre como afecta o fallo xudicial sobre Ence ao recurso interposto pola Xunta contra a modificación do Regulamento de costas impulsada polo Goberno de España.