10 de maio de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que BNG e PSdeG permitan que o Goberno de Pedro Sánchez ataque a autonomía fiscal e o Estatuto de Autonomía de Galicia ao defender a implantación do novo imposto estatal ás grandes fortunas, que afecta directamente a un imposto cedido como é o de Patrimonio.
Pedro Puy afirmou que o Grupo Popular non elude o debate sobre a imposición da riqueza que, de feito, xa tivo lugar cando se aprobaron os orzamentos e que debería realizarse no entorno da reforma do financiamento autonómico.
Deste xeito, explicou que este novo imposto estatal incorporouse a través dunha emenda á proposición de lei para o establecemento de gravames temporais ás empresas enerxéticas e ás entidades financeiras, “de xeito totalmente incongruente coa denominación da propia lei, o que vai en contra da xurisprudencia do Tribunal Constitucional”.
“O recurso da Xunta non cuestiona nin o gravame ás eléctricas nin o gravame aos beneficios dos bancos, senón o novo tributo sobre unha base, a riqueza, que anula a competencia sobre un tributo xa cedido ás comunidades autónomas e que estas están a decidir sobre a súa execución”, indicou o portavoz popular, quen especificou que “estamos de forma clara diante dun novo imposto estatal que trata de neutralizar o exercicio da autonomía de Galicia, unha medida adoptada polo Goberno central sen debate previo no Consello de Política Fiscal e Financeira”.
Deste xeito, Puy lembrou que, segundo se recolle na exposición de motivos da proposición de lei, este novo imposto estatal ten dúas finalidades: a primeira é a recadatoria, para esixir un maior esforzo a quen dispón dunha maior capacidade económica; e a segunda é armonizadora, co obxectivo de “diminuír as diferenzas no gravame do patrimonio nas distintas comunidades autónomas, especialmente para que a carga tributaria dos contribuíntes residentes naquelas comunidades que desfiscalizaran total ou parcialmente o imposto sobre o patrimonio non difiera substancialmente da que os contribuíntes das comunidades nas que non se optou por reducir a tributación de dito imposto”.
O portavoz popular defendeu o recurso presentado polo Goberno galego ante este novo imposto estatal “porque defende a autonomía financeira de Galicia”. “Perder este recurso abriría a porta a que calquera grupo político poida modificar, á marxe da Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas, a capacidade fiscal da Comunidade galega, recoñecida pola Constitución e o Estatuto de Autonomía”, concretou.
Ademais, engadiu que este novo tributo estatal presenta problemas de seguridade xurídica, xa que foi publicado o 28 de decembro de 2022 e se aplica con retroactividade sobre todo ese ano, o que conleva problemas de valoración e adaptación para os contribuíntes.