13 de xuño de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia reclamará o traspaso dos medios para despregar a nova Lei do litoral exactamente nos mesmos termos en que foron cedidos a outras comunidades autónomas: a través dun Real Decreto aprobado polo Goberno de España”.
Deste xeito, cualificou a proposición de lei defendida polo BNG de “inxusta, innecesaria e ilegal, porque propón un trámite que non necesitaron outras comunidades autónomas e a transferencia a través do artigo 150.2 da Constitución Española non pode utilizarse para unha competencia que xa é autonómica”.
Alberto Pazos criticou que o BNG presente esta “pirueta lexislativa coa que se minusvalora o autogoberno de Galicia, porque a ordenación e xestión do litoral é unha competencia exclusiva de Galicia”. “O novo nacionalismo galego pretende convencer aos galegos de que para exercer plenamente unha competencia que xa é autonómica temos que aprobar unha nova lei orgánica prevista no artigo 150 da Constitución Española para transferir ou delegar nas comunidades autónomas facultades correspondentes a materias de titularidade estatal”, explicou.
LEI CONSENSUADA
Neste sentido, lembrou que “a lei que vai desenvolver plenamente as competencias sobre o litoral que contempla o Estatuto de Autonomía de Galicia xa foi aprobada polo Consello da Xunta e xa está a ser tramitada polo Parlamento de Galicia”. Así, sinalou que se trata dunha nova norma “amplisimamente consensuada coa sociedade civil, que non foi obxecto de emendas á totalidade, que pode ser enriquecida na súa tramitación no Parlamento galego e que fixará as esixencias de Galicia ao novo Goberno de España”.
O viceportavoz popular insistiu que a proposición defendida polo BNG “propón un trámite que non necesitaron outras comunidades autónomas para desenvolver a súa lei do litoral, porque basta coa aprobación dun Real Decreto por parte do Goberno central de transferencia de medios, como se fixo recentemente con Canarias”.
“A única razón para que o BNG presente esta iniciativa lexislativa é tentar enganar aos galegos, facéndolles crer que os nacionalistas son a locomotora desta reivindicación, cando o certo é que se subiron a este tren cando xa partira da estación”, sinalou Pazos.
DEIXAR DE ENREDAR
Ademais, lembrou “o apoio incondicional do BNG a un Goberno hostil co litoral galego, a través do regulamento de costas ou da Lei de cambio climático; que utilizou como panca a ameaza á cadea mar-industria para forzar a reforma do Estatuto; e que agora formulan este espantallo lexislativo que humilla novamente a Galicia”.
Para rematar, Alberto Pazos instou a nacionalistas e socialistas “a deixar de enredar e sumarse á Lei do litoral de Galicia, que xa conta co aval da Galicia costeira, da cadea mar-industria, dos expertos, que conta cos informes necesarios e que é un exemplo de como apartar as siglas para facer unha auténtica normativa de país”.