A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, fixo hoxe un chamamento a todos os galegos e galegas para que este domingo 12 de novembro, ás 12:00 horas, acudan ás mobilizacións convocadas nas catro capitais provinciais para reivindicar a igualdade de todos os españois. “Cada vez hai máis motivos para asistir”, remarcou ao tempo que engadía que, fronte á indignación, “a democracia debe unirnos unha vez máis”.
Prado comezou a súa intervención afirmando que no día de onte “o PSOE e os seus socios levaron a España a unha nova fase”. Unha fase na que “se normaliza e pasan a estar ben visto cuestións como amnistiar a terroristas, convocar referendos de independencia, entregar 450.000 millóns de euros a unha comunidade autónoma e nada ao resto ou facer saltar polos aires a igualdade dos españois”.
“Unha nova fase coa que Galicia perde”, concluíu neste sentido antes de asegurar que o acordo entre PSOE e Junts consiste en que “Puigdemont logra todo o que quería e Pedro Sánchez logra o único que lle importaba: seguir uns meses máis no poder a cambio do que sexa”. Algo que xustificou en que “a Sánchez non lle interesa España, só lle interesa o seu sillón na Moncloa”.
“Estamos ante pactos de vergoña que deixan a porta aberta a cesións tan ilimitadas como o ego e o afán de poder de Pedro Sánchez”, engadiu lamentando que “o PSOE renunciase a que España sexa un país igualitario mentres o independentismo catalán non renuncia a absolutamente ningunha das súas pretensións”.
“É INDIGNANTE QUE HAXA GALEGOS E GALEGAS DANDO O VISTO E PRACE A ESTA SERIE DE ABERRACIÓNS”
Paula Prado considera “indignante” que “para este mísero obxectivo cada galego vaia ter que pagar 400 euros ao independentismo catalán”. Pero máis indignante aínda que “haxa galegos e galegas que din sentir amor pola nosa terra pero dan o visto e prace a esta serie de aberracións”.
Referiuse así ao “negociante do PSOE” que “onte se atreveu a dicir que ‘era un bo día para Galicia’ cando só foi un bo día para Sánchez e para Puigdemont”, polo que lle recriminou que “en vez de ser unha persoa decente e loitar pola dignidade da nosa Comunidade, o único que fixo como negociante foi poñer boa cara e vender a Galicia a prezo de saldo”.
“Esta é a voz do PSOE galego: un partido que xa non cre no constitucionalismo e que xa só practica o sanchismo. Así de baixo caeron”, sentenciou.
Tamén se referiu a Sumar, cuxa lideresa “vai de galega pero en todo este tempo non levantou a voz nin unha soa vez para defender a Galicia”; preguntándose “como a estas galegas de pro non se lles cae a cara de vergoña cada vez que volven a Galicia por claudicar así ante o independentismo”.
O terceiro “visto e prace a esta aberración” viu, continuando a enumeración, dun BNG “que está encantado de sentarse na mesma mesa que Junts, que Esquerra Republicana e que Bildu” porque “é un partido independentista que, por moito que intente poñer o disfrace de moderado, o único que ten nas veas é radicalismo”.
Paula Prado ironizou co feito de que haxa “grandes defensores dese radicalismo” como Bieito Lobeira que “xa empezan a baixarse do barco de Ana Pontón porque están fartos de tanto amor a Sánchez e desamor a Galicia”.
“É significativo que un dos responsables de Organización do BNG non lle vexa opcións de triunfar á súa compañeira da UPG e que se negue a axeonllarse ante Sánchez cando a señora Pontón está entregada á causa”, explicou antes de incidir en que Lobeira non é o único.
Recordando que “hai só dúas semanas que un sector do BNG, liderado pola deputada autonómica Noa Presas, rebelouse tamén ante esta humillación”, a número dous dos populares galegos concluíu que o nacionalismo galego “está totalmente dividido entre os que están con Sánchez e os que están con Galicia” e que, polo tanto, se trata dun partido que “ten pasado, pero xa non ten futuro”.
POR GALICIA, POLA IGUALDADE
A secretaria xeral quixo deixar de manifesto que, por moito que “Sánchez se rendese ás esixencias dos independentistas e a oposición galega estea rendida a Sánchez”, o PPdeG vai defender, co presidente Alfonso Rueda á fronte, que “a dignidade de Galicia non se vende”.
“Os galegos e as galegas poden ter a súa confianza en que nós non nos imos a render. Non imos fallar aos cidadáns”, reivindicou antes de defender unha reacción “firme, serena, institucional, legal, política, social e máis aló das marxes partidistas ante esta claudicación”.
Considera Paula Prado que estamos ante “un desafío á nosa democracia que require a reacción dos demócratas, sen distinción de ideoloxías”. De aí que considere que, dado que “somos unha democracia forte, plural e con principios”; esa mesma democracia é a que “débenos unir unha vez máis”.
Por iso fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a participar na mobilización que o PPdeG convoca este domingo nas catro capitais de provincia para reivindicar a igualdade de todos españois: “Non nos van calar e cada vez hai mais motivos para asistir. Por Galicia e pola igualdade”.
Ás 12:00 horas deste domingo, as concentracións terán lugar nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao Palco da Música) da Coruña, diante da Subdelegación do Goberno en Lugo, na explanada do Auditorio Municipal de Ourense e na Praza da Peregrina de Pontevedra.