O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe cos vigueses a seguir defendendo desde o Goberno galego os seus intereses ante as débedas pendentes de Pedro Sánchez coa cidade, ao tempo que animou aos seus a seguir traballando por ofrecer estabilidade e rigor á xente.
Aproveitando a súa participación no pincho de Nadal do PP de Vigo, no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o líder dos populares galegos compartiu a súa preocupación pola situación política actual. E especialmente ante o feito de que un prófugo da Xustiza marque a acción do Goberno de España ou que o cuadripartito que conforman PSdeG, BNG, Sumar e Podemos vaia votar a favor da Lei de amnistía e con iso facer saltar polos aires o dereito á igualdade dos galegos.
Criticou tamén que Pedro Sánchez vén a pasearse por Galicia a “literalmente nada”, poñendo en evidencia a súa falta de compromiso e a súa incapacidade para ofrecer nin un só avance aos galegos nas súas promesas pendentes. Neste sentido engadiu que mentres Sánchez compromete ao independentismo catalán millóns de euros, a Galicia só vén á que lle aplaudan.
Rueda puxo así en evidencia a falta de compromiso do Goberno central con infraestruturas como a Saída Sur, o AVE por Cerdedo ou a mellora dos servizos ferroviarios e criticou que a única solución que se formule sexa escribir unha carta aos Reis Magos. Un desprezo ante o que se amosou categórico: “Nós non estamos aquí para xogar. Nós viñemos a gobernar e a defender aos galegos”.
LUIS LÓPEZ: “IMOS CONSEGUIR A PRIMEIRA MAIORÍA DE RUEDA”
Pola súa banda, o presidente provincial indicou que que estas xuntanzas dos responsables do partido a nivel local, provincial e autonómico son moi boas para compartir uns intres nestas datas festivas e sobre todo para amosar a unidade e compromiso co partido. “Algo fundamental sempre, pero especialmente importante nestes momentos previos a unha cita tan decisiva como as eleccións autonómicas”, explicou.
Luis López lembrou tamén que hoxe mesmo cúmprense dous anos desde que Marta Fernández-Tapias foi elixida presidenta do PP de Vigo. López agradeceulle o traballo á fronte do partido, así como a todos os militantes e simpatizantes que “día tras días traballan con ganas e con ilusión” no partido da cidade olívica.
“Todos xuntos imos conseguir que Alfonso Rueda siga sendo o noso presidente. Porque el merece seguir séndoo e, sobre todo, porque Galicia merece ter un presidente como el. Unha persoa sensata que permite que a nosa terra estea ben xestionada e sexa unha illa de estabilidade. Imos conseguir a primeira maioría absoluta de Rueda”, rematou o presidente provincial do PP.
FERNÁNDEZ-TAPIAS: “NAS LOCAIS LOGRAMOS INVERTER A TENDENCIA”
Tamén a presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, animou aos asistentes a manter e incrementar o “nivel de traballo, esixencia e motivación que logrou inverter a tendencia nas derradeiras municipais e frear a sangría de votos que o PP de Vigo levaba arrastrando desde o 2007 nunhas locais”.
Tras chamar a atención sobre a coincidencia da data deste acto coa súa elección como presidenta do partido, a líder dos populares vigueses agradeceu o traballo feito durante este tempo e o esforzo levado a cabo polos seus.
Neste sentido sinalou que, ao igual que Vigo foi determinante para recuperar a Deputación de Pontevedra, ten que selo tamén para acadar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda. “Témolo todo: o mellor candidato, o mellor presidente e sabemos o que non queremos”, dixo.
Con isto último referiuse “aos partidos perdedores que se unen para evitar que goberne o PP, á coalición de partidos de esquerda que co seu ‘si’ a Sánchez di ‘non’ a Galicia e avala cinco anos de desprezo socialista a Vigo”. Unha réplica, engadiu, do que hoxe se está a vivir a nivel político en España.
“Non deamos nada por feito, pero tampouco perdamos a ilusión e as ganas que arrastramos desde o pasado mes de maio para lograr xuntos a primeira vitoria do presidente Rueda nas urnas”, concluíu.