O Grupo Popular proporá ao maxistrado Andrés Lago Louro como novo membro do Consello Consultivo de Galicia, en substitución de José Luís Costa Pillado, recentemente nomeado vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial. Así mesmo, o portavoz popular, Alberto Pazos, salientou que a Comisión Europea recoñecera que o proxecto industrial de Altri en Palas de Rei cumpre a normativa ambiental, co que “pouco a pouco vanse botando abaixo todas as demagoxias que están espallando o BNG e os seus satélites políticos e sociais sobre este proxecto industrial, e desde o Grupo Popular pedímoslles que deixen traballar tranquila e libremente aos técnicos que están estudando o proxecto, para que elaboren os seus informes e as súas conclusións sobre os efectos que terá para o medioambiente e a economía de Galicia”.
Natural de Louro, en Muros, Andrés Lago Louro é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e conta cun máster en Dereito Xudicial, que lle permitiu o acceso á carreira xudicial e fiscal con só 29 anos de idade. Comezou a súa tarefa profesional como xuíz adxunto no Xulgado de Ordes, ata que, en novembro de 2004, tomou posesión como xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Cistierna, en León.
Posteriormente, retornou a Galicia para exercer como xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Corcubión, desde onde en 2013 se trasladou a Santiago onde vén desenvolvendo a súa actividade profesional ata a actualidade. En Compostela, estivo á fronte dos Xulgados de Instrución número 3 (onde instruíu casos de especial relevancia como o relacionado co accidente do tren Alvia) e de Primeira Instancia número 5.
Ao longo da súa extensa traxectoria, Andrés Lago Louro é na actualidade Xuíz Decano dos xulgados de Santiago, co respaldo unánime de todos los maxistrados e maxistradas que ocupan cargos neste partido xudicial; e actúa como coordinador da Escola Xudicial de Galicia. Por último, no apartado de formación, é un activo colaborador na formación de novos letrados e letradas co Colexio de Avogados de Santiago e coa Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago, ao tempo que conta cos títulos de experto en Dereito Civil de Galicia e de linguaxe xurídica.
Alberto Pazos manifestou que “estamos a falar dun maxistrado con competencia e experiencia máis que suficiente para ocupar a vacante existente no Consello Consultivo de Galicia, relevando do mellor xeito a quen ocupou este cargo ata hai ben pouco: o maxistrado José Luís Costa Pillado”.
TRAMITACIÓN ABSOLUTAMENTE GARANTISTA
Respecto da resposta que recibiu o BNG da Comisión Europea sobre a avaliación ambiental desta iniciativa industrial, o portavoz popular subliñou que “deixa claro que ‘non observa ningunha infracción da Directiva sobre emisións industriais ou da Directiva sobre a avaliación do impacto ambiental’, o que debería poñer fin aos intentos dos nacionalistas galegos e os seus satélites por contar co apoio europeo na súa loita contra o proxecto de Altri”.
“Queda claro que o único obxectivo que buscan os nacionalistas galegos e a súa eurodeputada a tempo parcial en Bruxelas é poñer todas as trabas que poidan para que o proxecto de Altri non sexa unha realidade e sirva de impulso económico para Galicia e, especialmente, para o interior da nosa comunidade”, sinalou.
Alberto Pazos afirmou que “as cousas estanse a facer ben e este proxecto está a ser sometido a unha tramitación absolutamente garantista e contará con todos os informes sectoriais pertinentes para garantir que cumpre e respecta estritamente a lexislación vixente”.
Pero, relacionado con esta tramitación, Pazos apuntou que a Comisión Europea tamén deixa clara na súa resposta que “o máis eficaz, ao menos nesta fase inicial, sería plantexar a pregunta que fai o BNG ás autoridades dos Estados membros, neste caso ao Goberno de España, que son as principais responsables de garantir o cumprimento do dereito da Unión Europea”
“É dicir, o Goberno de Pedro Sánchez tamén é quen e se debe pronunciar sobre o impacto ambiental do proxecto de Altri, pero, lamentablemente, a día de hoxe nin está nin se lle espera, tanto para axilizar a tramitación do proxecto como para concederlle os fondos europeos necesarios para facelo realidade”, criticou.
NEGOCIACIÓN MULTILATERAL DO FINANCIAMENTO
Para rematar, e coincidindo coa xuntanza que no día de hoxe celebran en Madrid os presidentes autonómicos do Partido Popular, Alberto Pazos considerou “intolerable que Pedro Sánchez anuncie agora que todas as comunidades autónomas van recibir máis cartos do que o facían co Goberno de Mariano Rajoy, porque todo o mundo é consciente que nin o PIB estatal é o mesmo que hai 6 anos nin os ingresos do Estado por impostos son os mesmos, porque ambas cousas se teñen incrementado considerablemente, o que en consecuencia debe vir aparellado cun incremento do financiamento que reciben as comunidades autónomas”.
“O que estamos a denunciar é o trato de privilexio que o Goberno de Pedro Sánchez está a dar a Cataluña e aos independentistas cataláns para conseguir que Salvador Illa fose o Presidente da Generalitat e el mesmo siga como Presidente do Goberno de España”, dixo o portavoz popular, quen reiterou que “o novo financiamento autonómico debe nacer dunha negociación multilateral na que estean presentes todas as comunidades autónomas en pe de igualdade, e o mellor lugar para iniciar esta negociación é nunha Conferencia de Presidentes”.
Ademais, cuestionou “cando ten pensado Pedro Sánchez levantarlle o veto ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e recibilo na Moncloa para que lle poida trasladar directamente as necesidades de Galicia?”, lembrando que “xa pasaron cinco meses desde a toma de posesión de Rueda como Presidente da Xunta e seguimos á espera de que Pedro Sánchez teña a ben recibilo, namentres xa pasaron polo seu despacho outros novos presidentes autonómicos, como o lehendakari ou o presidente de Catalunya, que tomaron posesión moito despois que Alfonso Rueda”.