A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Parlamento de Galicia “a profesionalidade e o compromiso co cumprimento da lei de todos os compoñen o sistema xudicial na Comunidade galega, nuns momentos nos que a Fiscalía está desprestixiada pola situación xudicial do fiscal xeral do Estado”. “Esta situación abochorna á carreira fiscal, aos xuristas e a todos os demócratas, porque nin as institucións do Estado nin os fiscais profesionais e honrados merecen que se dane así á Fiscalía Xeral”, indicou.
Na comparecencia do fiscal superior de Galicia para presentar a Memoria desta institución correspondente a 2024, Paula Prado criticou a “indisimulada dependencia funcional e ideolóxica do fiscal xeral do Estado respecto do Goberno de Pedro Sánchez, situación que está a xerar un inmerecido desprestixio da carreira fiscal que ningún Estado democrático pode permitir”.
COLONIZACIÓN DE INSTITUCIÓNS
“Lamento ter que dicir isto, do que o fiscal superior de Galicia non é responsable, pero a situación de colonización das institucións do Goberno de Pedro Sánchez está afectando tamén á Fiscalía”, apuntou.
Respecto da memoria da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia, Paula Prado salientou a “colaboración total” existente entre esta entidade e a Xunta, todo ilo acordado a través da Comisión Mixta entre Xunta e Fiscalía.
A viceportavoz popular centrouse nos casos de violencia de xénero recollidos na memoria da Fiscalía e lembrou que o número total de mulleres vítimas ao longo de 2023 foi de 7.438, o que representa o 3,79 por cento do total de vítimas rexistradas en España. Así mesmo, lamentou as tres mulleres asesinadas por violencia de xénero nese ano e aproveitou a intervención para condenar o último caso de violencia de xénero vivido en Galicia, concretamente en Baiona.
Respecto aos procedementos incoados, Prado explicou que pasaron de 7.631 en 2022 a 8.643 en 2023, o que representa un incremento do 13,2 por cento. “Iso quere dicir que as vítimas denuncian cada vez máis, pero estes datos demostran que aínda queda moito por facer para erradicar por completo a violencia de xénero da nosa sociedade”, dixo.
Neste sentido, destacou a aprobación pola Xunta o pasado ano do protocolo autonómico de actuación na asistencia integral ás vítimas de delitos, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables. Este protocolo outorga un maior recoñecemento ás oficinas de atención ás vítimas, que agora prestarán unha protección integral, coordinada e especializada ás vítimas dunha maneira máis adecuada, gracias á harmonización e unificación das funcións do persoal adscrito a estes servizos e ao reforzo da coordinación entre os diferentes organismos públicos implicados.
DELITOS NA CONTORNA DIXITAL
Paula Prado criticou que o Goberno central “segue sen dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, pero ten no seu haber unha lei con consecuencias absolutamente monstruosas como a do ‘só si é si’”. “Unha lei, aprobada co apoio e a complicidade do BNG, coa que prometían protexer ás vítimas pero unicamente acabaron beneficiando a máis de 1.400 agresores sexuais, violadores e pederastas”, apuntou.
Para rematar, a viceportavoz popular sinalou que “compartimos coa Fiscalía a súa preocupación polo aumento dos delitos na contorna dixital, especialmente daqueles nos que se ven envoltos menores debido a un mal uso das redes sociais”. Así, destacou que Galicia foi pioneira ao restrinxir hai dez meses o uso dos teléfonos móbiles durante a xornada escolar, “unha medida ambiciosa e arriscada cuxos resultados xa son apreciables cun descenso da conflitividade, a erradicación de situacións de ciberacoso e o aumento da interacción entre os alumnos”.