O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “abandonen as súas demagóxicas posturas contrarias a todo o que teña que ver co Goberno da Xunta ou do Partido Popular e acepten a man tendida que lles ofrecemos” para apoiar e mellorar propostas que supoñan beneficios para todos os galegos nestes próximos meses, como a consecución de novas transferencias a Galicia, a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico ou o impulso de novos proxectos empresariais que conleven creación de postos de traballo e riqueza para Galicia”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios “trasladando, no nome propio e no do conxunto dos deputados que formamos parte do Grupo Popular, o noso máis sincero pésame á familia e amigos do ex-conselleiro e ex-deputado Jesús Pérez Varela, a quen todos lembraremos polo seu traballo a fronte da comunicación da Xunta nos gobernos de Manuel Fraga e o impulso que deu á cultura e ao audiovisual de Galicia o seu paso como conselleiro do ramo”.
“Nestas primeiras datas do novo período de sesións, quero reiterar a solicitude aos grupos da oposición para que muden a súa actitude negacionista e contraria a todo o que estea relacionado co Partido Popular, e acepten a nosa man tendida para avanzar conxuntamente en todos aqueles proxectos que supoñan beneficios para todos os galegos”, incidiu Pazos
Porén, lamentou que tanto BNG como PSdeG “manteñan a súa negativa a sumarse a calquera iniciativa ou proposta que veña ou na que participe o Goberno da Xunta ou o Partido Popular”. En concreto, o portavoz popular lembrou a contraprogramación feita polos nacionalistas galegos ao acto de homenaxe celebrado o pasado 7 de xaneiro, organizado pola Fundación Castelao, con motivo do 75 aniversario do pasamento do escritor. “Unha mostra máis do empeño dos nacionalistas por apropiarse da figura de Castelao e non aceptar que todos os galegos o consideremos unha figura senlleira da nosa cultura e da nosa lingua, que pertence a todos nós e non é patrimonio de ninguén”, sinalou.
SITUACIÓN DO GALEGO
Alberto Pazos tamén lamentou “as voltas que lle están dando os nacionalistas á súa participación no Pacto pola Lingua proposto directamente polo conselleiro de Cultura, chegando incluso a propoñer a creación dunha mesa de traballo, á marxe deste Pacto, para a posta en marcha de medias no ámbito da educación”. Así, recoñeceu que “somos plenamente conscientes da situación que está a vivir a nosa lingua, e por iso pensamos que é moi oportuna a iniciativa da Consellería de sentarnos a todos e valorar distintas propostas para reverter esta situación”.
“Pero tamén somos conscientes de que a situación do galego non é tan inmensamente alarmante como queren facer ver os nacionalistas galegos, porque, se lles fixéramos caso ás súas agoreiras previsións, o galego xa hai moitos anos que tería desaparecido”, indicou Alberto Pazos. Neste sentido, apuntou que “levamos varias décadas escoitando que cada día que pasa a nosa lingua se fala menos, cando a conclusión á que chegan todos os estudos é que o galego conta co nivel competencial máis elevado entre todas as linguas cooficiais que se falan en España”.
“Esta situación real do galego, lonxe do apocalipsis que queren facer ver os nacionalistas, non nos debe servir de escusa para adoptar medidas que fomenten a práctica e o prestixio do galego, sobre todo entre a xente máis nova, para o que é fundamental que nos poñamos todos a traballar e, baixo o paraugas do Pacto pola Lingua e das distintas comisións postas xa en marcha, fagamos as nosas aportacións polo ben e o futuro da nosa lingua”, manifestou.
Relacionado coa aprendizaxe de idiomas, Alberto Pazos felicitou ao Goberno galego “polo traballo que está a facer na extensión do inglés entre os nosos estudantes e, por extensión, entre a sociedade galega”, logo de que o máis amplo estudo a nivel internacional realizado por Education Fisrt situara a Galicia como líder de España en inglés.
PROPOSTAS QUE SUPOÑAN BENEFICIOS
Tamén coa perspectiva do traballo parlamentario dos vindeiros meses, o portavoz popular pediu a BNG e PSdeG que “recapaciten e centren os seus esforzos nas propostas que realmente supoñan beneficios para os galegos”. En concreto, citou como iniciativas a abordar a Comisión para a posible reforma da letra do himno de Galicia; a solicitude de novas transferencias para ampliar o autogoberno de Galicia, tanto en materia de meteoroloxía, como nos medios para exercer as competencias sobre o litoral; ou o traspaso da AP-9.
“Sen esquecernos da necesaria negociación para a posta en marcha dun novo sistema de financiamento autonómico, onde nos atopamos moi alonxados da proposta de cupo que manexa o BNG e que, como aseguran a práctica totalidade dos expertos na materia, sería extremadamente prexudicial para os intereses de Galicia; ou tamén do apoio a todas aquelas iniciativas empresariais que conleven a creación de postos de traballo e riqueza para Galicia, especialmente naquelas zonas que despuntan pola súa escasa presencia industrial”, rematou.