O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a elaboración dun novo programa Moves de xestión unificada para a compra de vehículos eléctricos e coches híbridos enchufables, que incorpore o desconto directo en factura. Neste sentido, tendo en conta o momento crítico no que se atopa o sector nun proceso de transición progresivo, apoiaranse con este programa outras tecnoloxías, incluídos os motores de combustión, en función do nivel de emisións de gases. A iniciativa inclúe, ademais, a simplificación dos trámites administrativos para impulsar o despregamento das infraestruturas de recarga e a creación dun Plan Moves Recarga para facilitar o seu desenvolvemento nas zonas que non contan coa cobertura necesaria.
O deputado popular Miguel Fidalgo lamentou que o Goberno central derrogou o Plan Moves III logo de “verse incapaz de prorrogar este programa debido a unha tramitación apresurada e improvisada”, co agravante de que o atraso na prórroga deste plan “xerou case 1.600 expedientes fora do programa, falta de uniformidade na xestión entre comunidades autónomas e incerteza por non saber como manexar estas solicitudes”.
MÁIS QUE URXENTE
“Hoxe a necesidade de impulsar un novo programa Moves IV é máis que urxente”, indicou o deputado popular, quen lembrou que esta iniciativa “foi unha promesa feita por Pedro Sánchez hai un ano”. Neste sentido, considerou “imprescindible que este novo programa se deseñe de forma que responda verdadeiramente ás necesidades da sociedade, cunhas bases afastadas da burocracia excesiva do Moves III, como veñen demandando as comunidades autónomas e todos os axentes implicados”.
Miguel Fidalgo urxiu “deseñar un programa Moves IV que elimine as complexidades actuais e permita aos beneficiarios acceder ás axudas de maneira áxil e sinxela, xestionado de maneira centralizada”.
Ademais, recollendo as propostas que xa lle fixeron os conselleiros de Enerxía das comunidades autónomas á ministra, este novo plan debería incorporar descontos directos nas facturas dos beneficiarios ao adquirir vehículos eléctricos ou instalar puntos de recorga, así como unha redución do IVE, seguindo o exemplo doutros países europeos como Noruega, Países Baixos ou Alemaña.
O deputado popular rematou a súa intervención salientando o programa Renova, posto en marcha pola Xunta este ano e que conta con máis de 600 solicitudes, que xa esgotaron máis da metade do crédito dispoñible en apenas dúas semanas. “Con este programa, que xa leva dúas edicións, Galicia é das primeiras comunidades autónomas en aprobar un plan de apoio específico para incentivar a compra de vehículos eficientes entre particulares e empresas, cun orzamento de 3,1 millóns de euros e axudas máximas de 4.600 euros segundo o nivel de emisións”, concretou.