O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, trasladou a Luisa Sánchez o seu apoio e o do Partido Popular de Galicia para a “enorme responsabilidade” que asume desde hoxe nunha cidade, Vigo, na que “quedan moitísimas cousas por facer”.
“Grazas, Luisa, por ser valente e ser quen de aglutinar a tanta xente. Hoxe empeza unha nova etapa e estaremos todos contigo para que asumas con éxito esta enorme responsabilidade”, remarcou ante os asistentes ao XIV Congreso Local do PP de Vigo no que Luisa Sánchez foi proclamada nova presidenta cun apoio do 96,8 %.
Rueda salientou o “paso á fronte” da nova líder, que ten claro que “aquí non hai nada imposible”, e recomendoulle “ter sentidiño, realismo e ir paso a paso”, marcándose “metas alcanzables”, “avanzando e nunca retrocedendo, sen deixarse distraer”. Ademais, instou ao novo equipo a “non desperdiciar” esta principio do que “ten que saír moitísima ilusión”.
Así mesmo, animou a Luisa a “aproveitar” a toda a xente que forma parte do PP de Vigo, a tantos militantes “de sempre” que estiveron “ás duras e ás maduras”, sempre pensando na “unión para conseguir cousas”. “Anímote a escoitar a cada persoa, cada unha coas súas lexítimas opinións e o seu xeito de entender esta cidade, pero todas co mesmo obxectivo e convencemento de mellorala”, engadiu.
Nese sentido, o líder dos populares galegos salientou a Historia do PP na primeira cidade de Galicia e agradeceu o traballo de todos os presidentes e presidentas locais que tivo ata agora o partido na cidade.
“AQUÍ NON SE PODEN PERDER MÁIS OPORTUNIDADES”
Por outra banda, Rueda alertou de que “o mundo vai moi rápido e en Vigo non se poden perder máis oportunidades”, polo que “quen non estea —dixo— por tender pontes e non illarse vai pagar as consecuencias”. “Vigo ten que ser unha cidade puxante e o ruído non vale de nada”, apuntou.
Neste sentido, apelou ao “espírito de cooperación” e a “seguir facendo moitas cousas” pola urbe olívica, pero sempre “con administracións que sexan responsables”, porque “a confrontación por sistema non é boa para conseguir as cousas, ao contrario”. “Non creo que haxa que buscar sempre inimigos exteriores que sempre teñen a culpa de todo. Aquí non hai ninguén dedicado a amolar, todos queremos que na primeira cidade de Galicia todo sexa posible”, agregou.
O presidente do PPdeG lembrou que en Vigo tamén hai moito dese “Estilo Galicia” e “Galicia Calidade” que o Goberno galego quere implantar nas catro provincias, con proxectos que a xente “entenda, aprecie e considere como seus, como avances conseguidos entre todos en boa harmonía”.
Entre os moitos compromisos xa cumpridos ou en marcha nesta urbe, puxo como exemplo a Cidade da Xustiza, un “orgullo” e un “emblema”; o polígono de Navia, onde se van concentrar a maior parte das vivendas públicas que se van construír esta lexislatura en Galicia; o IES de Navia, que “por fin podemos facer”; o Centro de Asociacionismo, que “ten que existir igual que noutros sitios”; e o Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro, que é “un orgullo que provoca o orgullo de todos, empezando polos que traballan aí”.
LUIS LÓPEZ: “A PROVINCIA NECESITA UN PP DE VIGO FORTE E EXEMPLAR”
Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, destacou a capacidade de traballo da nova presidenta do PP de Vigo, así como o talento e a proximidade que amosa día tras día. “Luisa sabía que dar o paso era arriscado, e aceptou; que era mellor quedar como estaba, e comprometeuse; que esta tarefa era difícil, e respondeu; como demostra tamén que é a mellor aliada de Vigo na Deputación”, destacou o presidente provincial.
Luis López amosou o seu apoio incondicional á nova presidenta local e indicou que todo o PP provincial se poñerá á súa disposición porque Vigo é fundamental para a provincia e para Galicia. “A provincia necesita un Vigo líder. A provincia necesita un PP de Vigo forte, sólido e exemplar. Hoxe marcho de aquí tranquilo e esperanzado porque sei que con Luisa mañá mesmo empeza unha ‘Reconquista’”, indicou o dirixente popular.
O presidente provincial destacou que hoxe é un gran día de celebración para todos os populares. “Hoxe sae de aquí un partido máis unido, máis cohesionado e máis estruturado do que entrou, sae un proxecto definido, un proxecto 100% vigués e cun liderado que vén para quedarse, porque aquí se abre un novo ciclo que non se pon teito nin político nin electoral”, precisou Luis López.
Finalmente, o presidente provincial agradeceu o enorme labor levado a cabo pola presidenta da xestora, Ana Ortiz, e polo seu equipo, que hai un ano decidiron dar un paso á fronte e poñerse nesta etapa de transición ao fronte do partido, que chegou a este Congreso con ganas, fresco e renovado.
No Congreso, entre outros moitos representantes do Partido Popular, estiveron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos; o eurodeputado Adrián Vázquez; deputados autonómicos e nacionais e senadoras; a secretaria xeral provincial Luisa Piñeiro; ou os presidentes do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, e en Pontevedra, Rafa Domínguez.
Así mesmo, os membros do Goberno galego Román Rodríguez, María Jesús Lorenzana, María Martínez Allegue, Antonio Gómez Caamaño e José López Campos; ou o responsable do Porto de Vigo, Carlos Botana.