O PPdeG levará a todos os concellos galegos e deputacións unha moción en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción coa que pretenden dicir “basta xa” á complicidade do PSOE galego e do BNG ante os feitos “extremadamente graves” que envolven ao Goberno de Sánchez.
Anunciouno esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na visita que realizou a Monforte de Lemos. Unha cidade que definiu como “zona cero en Galicia da corrupción do PSOE” logo de que o informe da UCO sobre a trama de Koldo lle dedicase catro páxinas ante un presunto amaño na contratación dunha obra.
“O asesor de José Luis Ábalos levou a cabo negociacións para adxudicar unha obra de emerxencia do tramo ferroviario Lugo-Monforte a través dun contrato público de Adif por valor de 1,5 millóns de euros”, explicou incidindo en que isto aconteceu “nun momento no que Óscar Puente xa era ministro de Transportes”. Ademais, apuntou, cando se empezaron a facer estas prácticas, a lucense Isabel Pardo de Vera presidía a entidade pública que administra as infraestruturas ferroviarias.
A número dous dos populares galegos criticou que o PSOE, que goberna neste concello, permita que “se dane a imaxe de Monforte e da provincia de Lugo” desta maneira e afea aos socialistas que permitisen que Puente fose condecorado como ‘Veciño do Ano’ na cidade de Lugo e que Pardo de Vera, implicada en varias conversas, fose pregoeira das festas de Monforte.
“É indecente que a corrupción campara ás súas anchas polo PSOE durante tanto tempo e difícil de crer que ninguén soubera nada”, asegurou sacando a relucir as imaxes de Santos Cerdán paseando en catamarán pola Ribeira Sacra en compañía do alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
Pero para Paula Prado “máis indecente aínda” é que, ante todo isto, Besteiro e o PSOE galego, coa complicidade do BNG, “sigan ríndolle as gracias a Sánchez e non pidan explicacións nin eleccións”. De aí que considere que é o momento de dicir “basta xa” ante toda esta corrupción socialista.
ELENA CANDIA: “PEDIMOS EXPLICACIÓNS E CONTUNDENCIA”
A secretaria xeral do PPdeG estivo acompañada tanto pola líder local do partido en Monforte, Katy Varela, como pola presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, que tamén considera “moi preocupantes” os feitos que se están coñecendo e en especial por estar vinculados ao ámbito das infraestruturas, no que o Goberno de Sánchez leva demasiado tempo castigando aos lucenses.
“O ano previo á moción de censura a Mariano Rajoy, Lugo tiña consignado nos Presupostos Xerais do Estado un investimento que superaba os 1.000 millóns de euros para conectarnos coa Alta Velocidade. Pero despois da moción de censura quedamos cunha licitación que non chegou nin é metade”, denunciou.
Candia criticou o silencio do líder dos socialistas na provincia, José Tomé, sobre estes feitos e afeoulle que “aplauda e premie a quen castiga aos lucenses no eido das infraestruturas”.
“Os representantes do PSOE en Lugo, como os socialistas doutros lugares de España, deberían condenar todo o que está pasando”, concluíu facendo un chamamento á “contundencia e a exemplaridade”.
O APOIO DO GOBERNO GALEGO A MONFORTE
Pola súa banda, Katy Varela, aparte de agradecer o apoio do partido tanto a nivel autonómico como provincial, agradeceu especialmente o apoio do Goberno galego á cidade de Monforte “con investimentos millonarios” como os do hospital comarcal.
E neste sentido pediu ao Goberno local “maior colaboración institucional” coa Xunta para que todos os veciños se poidan beneficiar das axudas que a Administración autonómica pon a disposición dos concellos en diferentes eidos.