O Parlamento de Galicia vén de aprobar –sen votos en contra- unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular para continuar recoñecendo e impulsando o carácter estratéxico do sector naval galego como motor industrial, tecnolóxico e de creación de emprego, co obxectivo de consolidar a súa posición como potencia naval europea e mundial. “Galicia non pode seguir sendo a que máis aposta polo naval e, ao mesmo tempo, a que menos respaldo recibe do Goberno de España”, remarcou Miguel Fidalgo.
“O que propoñemos –dixo- é recoñecer o camiño que está a seguir o Goberno galego e reclamar que o Goberno de España acompañe ese reforzo cun compromiso estable”. Un compromiso, explicou, que estea á altura do peso económico de Galicia, da súa capacidade exportadora e da súa contribución á soberanía industrial e tecnolóxica do país. A iniciativa insta ao Executivo central a amosar unha sensibilidade especial coas necesidades do sector naval galego mediante o impulso de políticas enerxéticas, laborais, fiscais, industriais e tamén de financiamento que favorezan a súa competitividade.
Neste senso, o parlamentario popular defendeu a necesidade de que a Xunta de Galicia dea traslado ao Executivo de España do Plan Director da Construción Naval 2025-2027. “Unha folla de ruta, con 63 M€ e máis de 60 medidas para impulsar a dixitalización, a innovación, a internacionalización, a formación e as infraestruturas”, indicou. O propósito é que a Administración do Estado, no ámbito das súas competencias e en colaboración coa Unión Europea, deseñe un plan de apoio que complemente o dito plan director e garanta a carga de traballo dos estaleiros e da industria auxiliar nos vindeiros anos.
Do mesmo xeito, demanda que as institucións da Unión Europea desenvolvan novas medidas de apoio á innovación, á formación e á adaptación tecnolóxica para reforzar a capacidade de tracción do sector sobre o tecido económico de Galicia.
UN PIAR FUNDAMENTAL
Tal e como salientou Miguel Fidalgo, o sector naval galego atravesa un dos mellores momentos das últimas décadas, cunha carteira de pedidos que garante carga de traballo para varios anos e un incremento sostido do emprego. Na actualidade, Galicia concentra arredor do 40 % da carteira de pedidos de todo o Estado, un impacto económico que representa aproximadamente o 3,5 % do PIB galego e xera 14.000 postos de traballo directos.
Durante a súa intervención, o parlamentario popular referiuse á recente celebración en Vigo da décima edición da feira internacional Navalia, a cal volveu evidenciar a fortaleza deste ecosistema, acadando cifras récord con máis de 600 expositores e preto de 1.200 marcas representadas. Por este motivo, a iniciativa aprobada recolle o mandato de continuar apoiando este evento estratéxico como escaparate internacional da capacidade industrial galega e ferramenta de xeración de oportunidades comerciais.
RETOS DE FUTURO E ESTABILIDADE LABORAL
Miguel Fidalgo apuntou que este contexto positivo non debe ocultar os importantes desafíos de futuro. Así, incidiu na importancia de liderar ámbitos como a descarbonización do transporte marítimo, a aplicación da intelixencia artificial e os sistemas autónomos, sen esquecer a necesidade de garantir persoal cualificado e reforzar a formación profesional e universitaria vinculada ao naval.
Finalmente, avogou por favorecer o diálogo social e a estabilidade laboral no conxunto da cadea de valor do naval, promovendo en todo momento condicións de traballo dignas, seguras e de calidade, ao tempo que se continúa poñendo en valor publicamente a histórica e estratéxica contribución deste sector ao desenvolvemento de Galicia.