A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o socialismo é “un barco á deriva” e Pedro Sánchez “un presidente que xa ve moi preto o seu final” e pon o foco na “fidelidade” dun BNG que “seguirá sendo cómplice da corrupción do PSOE mentres non lle retire o apoio alá onde son socios”.
Esta mañá, nunha rolda de prensa ofrecida na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos referiuse así á “insostible” situación dun Goberno de España “podre de corrupción e cun presidente rodeado de imputados no seu partido, no seu equipo e na súa familia”.
“En ningún país da Unión Europea un primeiro ministro co seu historial aguantaría á fronte do Goberno. Pero nin el nin os seus socios fan un mínimo de autocrítica e por iso seguimos nesta situación tan anormal”, explicou referíndose a un BNG que “nin pide explicacións, nin pide dimisións, nin pide eleccións”.
De feito, afeou a Ana Pontón as súas “vergoñentas e afastadas” declaracións cando se fixo publico o informe da UCO: “Mentres toda España estaba indignada por un gravísimo e repulsivo caso de corrupción, dedicouse a acusar ao PP e aos xuíces de instrumentalización da Xustiza”.
O “DECÁLOGO” DA CORRUPCIÓN SOCIALISTA EN LUGO
Paula Prado centrou a súa intervención en expoñer “a deriva” na que está sumido o socialismo galego e en concreto na provincia de Lugo, que na súa opinión é a “zona cero da corrupción do PSOE” e o lugar onde se atopan gran parte das explicacións da actual situación deste partido e dos seus membros.
Fixo así un “decálogo” no que se referiu a que, nas últimas eleccións xerais, Lugo foi a provincia que máis apoio lle deu ao Partido Popular en toda España (máis dun 50%) e que Gómez Besteiro conseguiu o peor resultado histórico do PSdeG precisamente representando a Lugo.
A isto súmase que a lucense e pregoeira das festas de Monforte, Isabel Pardo de Vera, é “actriz principal do caso Cerdán”, que Galicia sae no informe da UCO “grazas ao suposto amaño dunha obra do tramo ferroviario Monforte-Lugo” ou que o Concello de Lugo premiase a Óscar Puente como “veciño do ano” cando o seu Ministerio “despreza á cidade é a provincia en materia de infraestruturas”.
Tamén que “Ábalos e Koldo apuntan a Pepe Blanco como xefe dunha rede de influencias para conseguir contratos de Transportes” e incluso que “a fontaneira do PSOE, Leire Díaz”, ten raíces na provincia de Lugo”. Sen esquecerse tampouco dos “paseos en catamarán” dos socialistas lucenses con Santos Cerdán.
E todo isto mentres “varios deputados provinciais do PSOE rebeláronse ante o liderado de Tomé e se ausentaron do pleno da Deputación” e o PSdeG no seu conxunto, e en particular o seu líder, “apoian e gaban a Sánchez, un presidente cercado pola corrupción e o máis lesivo da historia para Galicia”.
PSOE MACHISTA, BNG CÓMPLICE
A secretaria xeral do PPdeG quixo comentar ademais a “situación surrealista e hipócrita” que se viviu onte nalgunhas sedes do partido en Galicia: “Surrealista porque protestan e atacan as nosas sedes coa que está a caer noutros partidos e hipócrita porque detrás está o BNG, que segue calado ante a trama de prostitución dos seus socios do PSOE”.
“Onte o BNG levou a cabo o que mellor sabe facer: manifestación e alboroto, con ataques graves de odio”, sinalou facendo referencia aos berros que se escoitaron e criticando que os mesmos que os protagonizaban son “aos que aínda non se lle escoitou a primeira crítica aos responsables públicos do PSOE pola contratación de prostitutas a cambio de favores”.