O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita o impulso da Comunidade galega como referente na loita biolóxica contra o Psílido Africano dos cítricos en particular e, por extensión, como rexión produtora e comercializadora de axentes invertebrados de control biolóxico en xeral. Así mesmo, a través dunha emenda do BNG, pídese un reforzo da capacidade pública de diagnóstico, seguimento e resposta fronte a pragas vexetais dotadas cos medios suficientes.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, lembrou que o insecto vector que causa o HLB ou enverdecemento dos cítricos apareceu en Galicia en 2014 e a Xunta puxo en marcha ao ano seguinte un plan urxente de erradicación desta praga. A partir de 2019, a Xunta, o Ministerio de Agricultura e o Instituto Valenciano de Investigación Agraria puxeron en marcha nas zonas costeiras de O Rosal, O Grove e Romai un plan especial de soltas do himenóptero Tamarixia Dryi, un parasitoide empregado con éxito en programas de control biolóxico clásico en numerosas zonas citrícolas afectadas polo HLB.
Como resultado deste plan, a presenza de Tamarixia Dryi é xa anecdótica en Pontevedra, en A Coruña foi regulada completamente durante o verán e na actualidade o parasitoide segue activo e expandido, e a súa cría en Maceda está en óptimas condicións.
ACTUACIÓNS E ESTRATEXIA A DESENVOLVER
“Galicia lidera a loita biolóxica en España e demostra que os métodos naturais son eficaces, seguros e sostibles”, salientou o portavoz popular, quen alertou de que “a introdución de inimigos naturais pode conlevar efectos negativos sobre a fauna e flora autóctonas, polo que resulta imprescindible determinar con rigor a especificidade dos organismos que se pretende introducir”.
Miguel Ángel Viso avogou porque a Xunta “continúe neste camiño expandindo a industria asociada, fomentando a investigación, formando aos produtores e impulsando a cooperación interrexional e internacional”. En concreto, fixou catro liñas de actuación principais: o fomento da investigación e a innovación, apoiando centros como o de Maceda; a formación de produtores, para que vexan a loita biolóxica como unha ferramenta práctica e rendible; o desenvolvemento dunha industria galega de organismos biolóxicos; e a aposta por unha economía circular e a sostibilidade, reducindo residuos químicos, protexendo o solo, a auga e os polinizadores.
“Esta estratexia conduciranos, a curto e medio prazo, a reducir significativamente o uso de pesticidas sintéticos, mellorando a calidade dos produtos agrícolas; incrementar o valor diferencial dos produtos galegos, máis sostibles e respectuosos co medio; xerar novos postos de traballo cualificado en investigación, produción e distribución de axentes biolóxicos; e posicionar a Galicia como un modelo de innovación rural e agricultura verde”, afirmou.