O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Parlamento de Galicia apoie todas as iniciativas que impulse a Xunta, incluída a vía xudicial, en defensa do seu autogoberno, logo do recurso de inconstitucionalidade anunciado polo Goberno central contra determinadas medidas que regulan o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como a repotenciación dos parques eólicos. Ademais, pedirá a dimisión ou cese da ministra de Igualdade pola neglixencia na xestión das pulseiras telemáticas de control dos agresores con ordes de afastamento por violencia de xénero, ao tempo que solicita que o Goberno central facilite toda a información sobre as vítimas galegas que se viron afectadas por estas deficiencias no servizo.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos informou que a sesión plenaria inclúe o debate de totalidade de dous novos proxectos de Lei. O primeiro deles é o de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas, “unha norma que situará a Galicia á vangarda na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas, que quedarán equiparadas ao tabaco ou ao alcohol, respectivamente”.
En concreto, con esta nova lei quedará prohibida a venda deste tipo de produtos aos menores de idade, nunha acción que combina a prevención, a promoción da saúde e o control da oferta. A norma incorpora diferentes achegas dos sectores implicados, dos organismos públicos, de entidades sociais e da cidadanía, ademais de fundamentarse na evidencia científica e en resultados da Enquisa Nacional Estudes, elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de secundaria.
O segundo proxecto de Lei que se debaterá no Pleno será o do clima de Galicia, que marca como reto principal dotar a Galicia das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución da neutralidade climática no horizonte de 2040, unha década antes do prazo fixado pola Unión Europea. “Estamos a falar dun novo paso no camiño que levamos adiante en Galicia de loita contra o cambio climático, co obxectivo de facilitar unha transición ecolóxica xusta, sostible e xeradora de emprego verde”, sinalou Alberto Pazos.
O portavoz popular explicou que a nova lei “introduce a obriga da Xunta de integrar a perspectiva climática, tanto desde o punto de vista da redución de emisións como da adaptación aos efectos de quecemento global na elaboración dos seus plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos e nas convocatorias de subvencións que teñan un impacto nos obxectivos de neutralidade climática de Galicia”.
O Pleno continuará coa comparecencia da conselleira do Mar, por petición propia, para informar sobre a avaliación das políticas pesqueiras europeas, nun momento de especial transcendencia logo de coñecer que a Unión Europea ten previsto recortar un 67 por cento os fondos específicos para a cadea mar-industria.
DEFENSA DO AUTOGOBERNO
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará o apoio do Parlamento galego a cantas iniciativas impulse a Xunta, incluída a vía xudicial, en defensa do autogoberno de Galicia, que pode verse seriamente violentado na súa capacidade de impulso lexislativo polos recursos de inconstitucionalidade anunciados polo Goberno central contra determinados preceptos incluídos na Lei de medidas fiscais e administrativas aprobada en 2024 e dirixidos á axilización da dependencia e da discapacidade, así como a repotenciación dos parques eólicos.
“Pedro Sánchez, e o seu Goberno, volve castigar a Galicia e, logo do recurso que presentou no seu momento contra a Lei do litoral, desta vez ataca a determinados preceptos aprobados o pasado ano na Lei de medidas fiscais e administrativas, co obxectivo de axilizar a tramitación da dependencia e a discapacidade en Galicia a través de homologacións automáticas, das que xa se teñen beneficiado máis de 9.300 persoas en nove meses; ou para regular o sistema de repotenciación dos parques eólicos, co que basicamente se busca reducir o impacto ambiental e visual destas instalacións, así como mellorar os beneficios económicos e sociais na contorna na que se instalan”.
Ademais desta proposición non de lei, o Grupo Popular tamén preguntará ao Goberno galego polas medidas que ten previsto levar adiante ante este novo conflito institucional aberto polo Goberno de Pedro Sánchez.
DESPROTECCIÓN DAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten que ver cos fallos detectados nas pulseiras de control de agresores con orde de afastamento de vítimas de violencia de xénero, “unha situación intolerable que debe derivar, irremediablemente, na dimisión ou cese da ministra de Igualdade”, indicou Alberto Pazos.
Así mesmo, pídese ao Goberno central que informe ao Goberno galego de cantos casos de desprotección de vítimas de violencia de xénero tiveron lugar durante o fallo do sistema; cantas mulleres portaban dispositivos telemáticos de control durante os últimos doce meses; as incidencias ocorridas nos devanditos dispositivos; e as medidas adoptadas para emendar estas deficiencias e garantir a seguridade das vítimas.
“Tamén queremos que o Consello Xeral do Poder Xudicial elabore un informe que acredite que este fallo xa foi solucionado e que o sistema actual non supón un risco para a seguridade das mulleres, porque esta situación non se pode volver a repetir: a seguridade das mulleres, e sobre todo das mulleres que sofren maltrato, debe estar por enriba de todo, porque a violencia de xénero constitúe unha das máis graves vulneracións dos dereitos humanos da nosa sociedade”, dixo o portavoz popular.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola valoración do ditame motivado da Comisión Europea no que advirte da ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9, unha oportunidade que o Goberno de España deixou pasar para rescatar a concesión desta autoestrada, liberala das peaxes e transferila á Xunta de Galicia, como vimos demandando unanimemente todos os grupos deste Parlamento.
A través dunha segunda pregunta quérese coñecer a situación da formación profesional en Galicia, logo de que neste curso acadáramos o récord de estudantes en FP, que acceden á maior oferta existente de formación na historia de Galicia.