Os deputados do Grupo Provincial Popular puxeron fin ás xuntanzas cos alcaldes e voceiros do PP de todos os concellos da provincia cos representantes dos municipios da Montaña, unha reunión na que quedou clara unha mensaxe: “manteremos a presión sobre o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo de todas as formas posibles ata acadar un trato igualitario para todos os lucenses, independentemente do municipio no que vivan”.
Nesta xuntanza, ademais dos deputados Antonio Ameijide, José Pardo, Francisco Balado e Jesús Núñez, tamén estiveron presentes a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e representantes de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Triacastela.
Todos os representantes dos concellos presentes destacaron “a gran necesidade” de que a Deputación de Lugo “colabore de forma igualitaria” con todos os municipios da provincia porque “o que están a facer PSOE e BNG dende o goberno provincial é dar cartos ilimitados aos seus afíns, afogando e case asfixiando a máis da metade de veciños da provincia e aumentando as desigualdades entre concellos”.
Deste xeito, os deputados populares adquiriron o compromiso de “incrementar a presión” sobre o goberno de José Tomé “ata acadar unha igualdade real”. “Non dicimos que a colaboración que están a realizar cos concellos que eles deciden non se faga, o que defendemos é que se colabore con todos os municipios porque todos teñen necesidades semellantes e recursos, tanto económicos como humanos, moi limitados”, afirmaron.
APOIO DA SECRETARIA XERAL DO PPDEG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, agradeceu o traballo que “están a realizar todos os representantes do PP nos diferentes concellos” e afirmou que “o traballo que están a realizar nos seus municipios, a pesar de todos os atrancos que poñen dende o goberno da Deputación de Lugo está a ser bo”, polo que os convidou “a seguir traballando para recuperar en dous anos o goberno da Deputación de Lugo e así acadar a igualdade que PSOE e BNG negan a todos os lucenses”.
MANTEMENTO DAS ESTRADAS E ATENCIÓN DAS COMPETENCIAS
Outra das reclamacións realizadas polos representantes do PP nos concellos da zona sur foi o estado de mantemento da rede viaria provincial. “O mantemento é mínimo ou nulo na maioría dos concellos” o que dá lugar a que as vías de titularidade da Deputación sexan “perigosas” a pesar de que son estradas que teñen que vertebrar a comunicación entre os municipios.
Os deputados populares recordan que a rede viaria provincial “é a máis extensa de España e é unha realidade grazas a gobernos do PP á fronte da Deputación que a crearon con moitos menos medios dos que dispoñen PSOE e BNG para o seu mantemento” e que “os dous plans anunciados por José Tomé non foron máis que parches que nada solucionaron xa que os problemas seguen latentes, enquistándose cada día máis”.
Ademais, a colaboración cos Concellos “é outro debe no haber do goberno de PSOE e BNG” que se nega a colaborar en competencias propias, como a recollida de animais ou o ciclo da auga.