O Partido Popular esixe ao Goberno de Sánchez “un plan de choque que evite o peche sistemático de peixerías tradicionais e garanta o seu relevo xeracional”.
A iniciativa foi presentada esta mañá durante unha visita á Praza de Abastos de Lugo na que participou a presidenta do PP da provincia e voceira municipal, Elena Candia, o portavoz de Pesca do PP no Senado, Manuel Ruiz, e os senadores do PP da provincia, José Manuel Balseiro – tamén integrante da Comisión de Pesca e que defenderá a iniciativa este martes na Comisión de Pesca-, José Manuel Barreiro e Juan Serrano.
Os populares farán valer a súa maioría na Cámara Alta para aprobar a proposta coa que esixir ao Goberno de Sánchez “medidas de apoio fiscal aos emprendedores, facilidades para a apertura e transmisión destes negocios, programas de formación, impulso á dixitalización e á venda on line, así como actuacións en favor da sostenibilidade. Tamén deberá contemplar a mellora e incremento da formación dual, a redución da burocracia na súa xestión, a rebaixa do IVE do pescado e o reforzo de campañas que fomenten o consumo e poñan en valor as especies máis accesibles economicamente.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular no Senado urxe ao Executivo central a adoptar medidas de forma “inmediata” toda vez que nos últimos tempos pecharon 5.000 peixerías -un terzo do total- e “a sangría non parece diminuír”.
As peixarías tradicionais enfróntanse a unha combinación de factores estruturais e conxunturais que explican por que moitas rematan pechando. “Como denuncian as asociacións máis representativas do sector: menos consumo polos cambios nos hábitos de consumo, máis competencia por parte da gran distribución, custos altos, excesiva burocracia e falta de relevo”, apunta Manuel Ruiz.
Os populares explicaron que “na análise de cada un destes problemas poden atoparse as posibles solucións para unha actividade esencial na comercialización dos produtos pesqueiros e o seu futuro inmediato”.
E engaden que “Galicia está a promover campañas para impulsar o consumo de produtos do mar e reducir a caída no seu consumo, ademais de recoñecer o esforzo dos traballadores do mar”. De feito, o Goberno galego puxo en marcha no último ano unha iniciativa pioneira, o ‘Bono Peixe’, para fomentar hábitos de consumo saudables e que foi empregado por máis de 146.000€ consumidores cun impacto económico en vendas de case 11M€. Ademais, a Xunta de Galicia ten demandando en numerosas ocasións ao Goberno de Sánchez sen éxito a rebaixa do IVE do peixe.
MERCADO MUNICIPAL
Candia reivindica “máis apoio e menos trabas” por parte do goberno local sumándose ás demandas dos praceiros e praceiras en relación aos horarios ou ao uso de instalacións dispoñibles na propia Praza de Abastos de Lugo.
A portavoz do Grupo Municipal Popular lembrou que “o Grupo Municipal Popular fixo varias iniciativas e comunicacións públicas e seguiremos insistindo en reclamar que as súas demandas sexan escoitadas” porque “o que estamos a pedir é algo tan sinxelo como deixar traballar á xente”.