O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que proceda á paralización da modificación do proxecto de Real Decreto de medidas de xestión dos recursos pesqueiros, en particular no relativo á pesca recreativa en augas exteriores. Neste sentido, pídese que inicie un proceso de diálogo real co sector recreativo galego, para contar cunha normativa nova, equilibrada e consensuada; recoñeza o carácter de autoconsumo da pesca recreativa; estableza un marco regulatorio baseado en criterios científicos transparentes; incorpore unha regulación que fomente o respecto das vedas e tallas mínimas; desenvolva un sistema de declaración de capturas sinxelo e accesible; e reforce a loita contra o mercado ilegal de peixe.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lamentou que “o Goberno de España está a lexislar sen diálogo, sen datos e sen respecto pola realidade galega” e apuntou que no referido á pesca recreativa “decidiu ir moito máis alá do que Europa lle pide, porque o proxecto de modificación do Real Decreto é improvisado e desequilibrado, pretendendo impor unha batería de restricións sen fundamento científico, sen xustificación social e sen lóxica territorial”.
En concreto, Miguel Fidalgo afirmou que a prohibición total da pesca da robaliza na costa norte e noroeste peninsular “parte dun erro de base: responsabilizar ao colectivo recreativo dunha situación da que non é culpable, porque a pesca recreativa representa unha porcentaxe ínfima das capturas reais de robaliza”.
SECTOR RESPONSABLE, SOSTIBLE E QUE DINAMIZA PORTOS
“Non se pode criminalizar á pesca recreativa, porque estamos ante un sector responsable, sostible, que dinamiza portos, que xera actividade, que move a economía e que é perfectamente compatible coa conservación dos recursos”, asegurou.
Fidalgo considerou “un despropósito” que o novo Real Decreto contemple a obriga de rexistrar diariamente e unicamente por vía electrónica as especies capturadas, tanto as retidas como as devoltas ao mar, incluídos os días sen capturas. “E anuncian a última hora unha aplicación informática obrigatoria, pero sen clarexar se haberá certificado dixital, se se poderá declarar a través dunha páxina web ou se hai que facer a declaración ao momento ou horas despois”, anotou o portavoz popular, quen lamentou que esta situación “deixa fóra a milleiros de persoas maiores ou sen acceso dixital”.
“O Goberno de España non dialogou con ninguén nin respondeu ás miles de alegacións presentadas, polo que nunha actividade de 60.000 licenzas en Galicia, isto é unha falta de respecto enorme”, dixo Miguel Fidalgo, quen afirmou que “a alternativa que propón o Partido Popular está baseada no equilibrio, no diálogo e no rigor”.
Ao remate desta iniciativa na Comisión de Pesca e Marisqueo, os deputados Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende mantiveron un encontro con representantes de clubs e afeccionados á pesca recreativa de Galicia, con quen analizaron a situación do sector na actualidade e recolleron propostas para a súa mellora no futuro.