O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, vén de solicitar aos grupos parlamentarios da oposición que se sumen á solicitude para que o Ministerio de Sanidade abra un proceso de diálogo e negociación co fin de evitar a folga de médicos convocada entre os días 9 e 12 de decembro en contra da reforma do Estatuto Marco. Neste sentido, puxo como exemplo o acordo acado entre a Consellería e as organizacións sindicais, a excepción da nacionalista CIG, para “deixar na mínima expresión a folga destes días na atención primaria galega”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia facendo unha reflexión sobre a entrada en prisión “do segundo secretario de Organización do Partido Socialista, man dereita de Pedro Sánchez, ex todopoderoso ministro de Transportes e defensor da moción de censura contra Mariano Rajoy, José Luís Ábalos, acompañado do seu máis fiel colaborador, Koldo García, protagonista principal deste entramado corrupto que salpica directamente a Pedro Sánchez”.
RODEADO DE CORRUPCIÓN
“España non pode seguir nas mans dun Presidente e dun Goberno rodeado de corrupción, e todos os españois que sentimos noxo da situación que vivimos estamos convocados o vindeiro domingo en Madrid a unha concentración, na que berraremos, alto e claro, que queremos que a democracia se impoña sobre a mafia que está a okupar neste momento a Moncloa”, indicou.
O portavoz popular saudou que a folga na atención primaria sanitaria galega convocada esta semana quedara “reducida á mínima expresión gracias ao espírito dialogante e negociador amosado tanto desde a Consellería de Sanidade como desde a representación sindical, agás, como non, a nacionalista CIG”. “Conseguiron alcanzar un acordo beneficioso para os profesionais da asistencia sanitaria en atención primaria, que se traducirá en importantes melloras nas súas condicións laborais, ao mesmo tempo que se evitou unha folga que tería un importante efecto negativo na atención aos pacientes”, apuntou.
“Desde o Grupo Popular, e tamén desde o Goberno galego, seguiremos coas portas abertas e con ánimo de buscar consensos e acordos para solucionar os problemas e os conflitos que tivemos, temos e teremos no futuro, co único obxectivo de mellorar as condicións de vida de todos os cidadáns e conseguir que Galicia avance cunhas políticas sociais exemplares como as que temos”, asegurou.
EXEMPLO DE GALICIA
Neste sentido, manifestou que estas negociacións para mitigar a folga convocada na atención primaria de Galicia deberían servir de exemplo para o Ministerio de Sanidade, diante da convocatoria de catro días de folga que os médicos teñen convocada para os días 9, 10, 11 e 12 do vindeiro mes de decembro en contra da reforma do Estatuto Marco que pretende implantar o Goberno de Pedro Sánchez. “Só a nivel de Galicia, cada día do paro pode chegar a paralizar máis de 330 intervencións cirúrxicas, máis de 10.000 consultas e 600 probas diagnósticas, repercutindo de xeito importante nun incremento dos tempos de espera no acceso dos galegos aos servizos sanitarios”, dixo.
Alberto Pazos asegurou comprender “a preocupación amosada onte polo conselleiro de Sanidade nunha carta remitida á ministra de Sanidade, na que aconsella seguir o exemplo de Galicia e abrir un proceso de diálogo e negociación cos sindicatos e os traballadores para evitar a folga”. Así, informou que desde o Grupo Popular “demos un paso máis e esta mesma mañá trasladamos aos voceiros dos grupos da oposición a solicitude para que publicamente amosen o seu respaldo á apertura dunha vía de negociación para evitar unha nova folga de médicos en toda a sanidade española”.
“España, en xeral, e Galicia, en particular, non se pode permitir que a cerrazón da ministra de Sanidade e os seus colaboradores impida abrir un proceso de diálogo e de negociación coas organizacións sindicais para evitar a folga convocada do 9 ao 12 de decembro, que, sumados aos festivos que hai nesas datas, poden paralizar a atención sanitaria durante unha semana completa e provocarlle prexuizos difíciles de superar posteriormente”, manifestou.
Por outra banda, o portavoz popular criticou que o BNG volvera demostrar o pasado mércores no Congreso “a súa total inutilidade para o Goberno de Pedro Sánchez e, ao mesmo tempo, tamén para defender os intereses de Galicia en Madrid”. Neste caso, lembrou que a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda rexeitou tallantemente a proposta dos independentistas galegos para que Galicia reciba 20.000 millóns de euros de financiamento para sufragar un suposto déficit acumulado desde o ano 2009.
“O BNG converteuse nesta lexislatura no mellor tonto útil do Goberno de Pedro Sánchez, amosando a súa total incapacidade para conseguir un mínimo beneficio económico para a Comunidade galega, e incluso amosando a súa firme oposición a proxectos estratéxicos para Galicia e aplaudindo todas as decisións do Goberno de Pedro Sánchez contrarias aos intereses de Galicia e dos galegos”, lamentou.
MELLORA DO SISTEMA DE FINANCIAMENTO
Ademais, apuntou que “ao BNG non lle chegou o pasado mércores no Congreso con esta labazada da ministra de Facenda á súa demanda de máis financiamento para Galicia, xa que foi quen de defender na mesma intervención outra das aldraxes que o Goberno de Sánchez quere cometer con Galicia: esa falsa quita da débeda de 4.000 millóns de euros, un negocio ruinoso para a Comunidade galega, como xa temos explicado en moitas ocasións porque responde, única e exclusivamente, á chantaxe que o independentismo catalán está a facer para manter a Pedro Sánchez no Goberno de España”.
Pazos insistiu que “o que de verdade necesita Galicia é unha mellora do sistema de financiamento das comunidades autónomas, pero non un financiamento baseado nun concerto económico co que volvería a seguir perdendo e, como o poñen de manifesto todos os informes realizados por expertos na materia, non sería capaz de cubrir os gastos que agora mesmo ten para a prestacións sociais de todos os galegos”.