O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o BNG boicoteara no Pleno do Parlamento galego celebrado esta semana, por segundo ano consecutivo, unha declaración institucional con motivo do Día Internacional en recordo das vítimas do holocausto, á que nesta ocasión tamén se sumou o silencio dos nacionalistas sobre outra proposta de declaración institucional para condenar a represión e violacións dos dereitos humanos que está a exercer o réxime dos aiatolás na República de Irán.
Alberto Pazos lamentou “o desinterese, por non chamalo pasotismo, amosado polos responsables do BNG respecto destas dúas cuestións de marcado carácter humano e de máximo respecto polas vítimas e os afectados”. “O único que pode xustificar este desinterese é que estean máis preocupados polo proceso que levan a cabo para estreitar as súas relacións co Partido Comunista do Vietnam, unha formación que goberna este estado desde hai máis de 40 anos, ao ser o único partido que existe neste país”, manifestou.
SEGUNDO ANO CONSECUTIVO
“Este será o segundo ano consecutivo no que o Parlamento galego non se procede á lectura da declaración institucional solicitada a todos os grupos pola Asociación Galega de Amizade con Israel, pola sinxela razón de que o BNG optou polo silencio total e falta de resposta á solicitude realizada desde o Grupo Popular, que atendía, como dixen antes, a solicitude da Asociación Galega de Amizade con Israel”, indicou.
Neste sentido, Pazos avanzou que, “fronte a este intento dos nacionalistas galegos de silenciar esta nobre causa en recordo das vítimas do holocausto, desde o Grupo Popular seguiremos abertos e reiterando cada ano a aprobación dunha declaración institucional do Parlamento de Galicia en recordo do xenocidio levado a cabo polo réxime nazi que aniquilou a 6 millóns de xudeus, así como a membros de minorías étnicas e sexuais, disidentes ou discapacitados”.
Ademais deste boicot do BNG a esta declaración institucional en recordo das vítimas do holocausto, no Pleno celebrado esta semana sumouse outro novo desprezo ás vítimas da represión e violación dos dereitos humanos que están a exercer o réxime dos aiatolás na República de Irán. “Neste caso, os nacionalistas tampouco quixeron saber nada da proposta de declaración institucional que lles trasladamos desde o Grupo Popular, amosando unha falta total de respecto e un mínimo de decoro institucional ao non dar unha resposta, nin afirmativa nin negativa, ás múltiples chamadas feitas desde o noso Grupo Parlamentario”, lamentou Alberto Pazos.
En concreto, esta declaración institucional pedía a fin das gravísimas violacións dos dereitos humanos en Irán; o respecto por parte das autoridades iranianas das liberdades fundamentais de expresión, reunión pacífica e asociación; e a inmediata liberación dos detidos por exercer estes dereitos.
FINANCIACIÓN PARA CATALUÑA
Por outra banda, e tamén sobre o contido da sesión plenaria celebrada esta semana, o portavoz popular referiuse á comparecencia do conselleiro de Facenda para facer unha valoración da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, así como da postura de Galicia respecto da proposta de condonación da débeda ás comunidades autónomas e do novo modelo de financiamento pactado cos independentistas cataláns.
“Unha comparecencia na que quedou claro que ambas propostas nacen co único obxectivo de beneficiar a Cataluña e manter tanto a Pedro Sánchez na Moncloa como ao seu discípulo Salvador Illa na Presidencia da Generalitat, pero que para Galicia terían unhas consecuencias desastrosas, que se traducen, directamente, como ben cuantificou o conselleiro na súa intervención, nunha merma de case 1.000 millóns de euros anuais para as arcas galegas”, explicou.
Neste sentido, reiterou que “Galicia non vai aceptar nin imposicións nin chantaxes de ningún tipo por parte dun Goberno de España que sobrevive gracias a aceptar submisamente todas as chantaxes dos independentistas cataláns, e seguiremos defendendo o que de verdade é necesario: un novo modelo de financiamento autonómico que realmente recoñeza as peculiaridades de cada comunidade autónoma, que no caso de Galicia son a dispersión e o envellecemento da poboación”.
Alberto Pazos criticou que o BNG siga “coa súa teima do que Galicia teña a chave dos seus cartos, ou, con outras palabras, que se implante en Galicia un cupo ao estilo do que gozan no País Vasco ou Navarra, pero sen ter en conta que Galicia non comparte moitas das peculiaridades destas comunidades e este modelo de financiamento suporía unha perda de 2.000 millóns de euros anuais para a Comunidade galega”.
E, respecto dos socialistas galegos, incidiu que “seguen punto por punto as indicacións que lle mandan desde Moncloa, sen saírse o máis mínimo das pautas marcadas desde alí”, pero amosou a sorpresa porque “ao pouco de aplaudir o acordo asinado entre Pedro Sánchez e o inhabilitado Oriol Junqueras, xa recoñecían que os 587 millóns previstos para Galicia se quedaban cortos e animaban á Xunta a negociar para sumar ata 300 millóns de euros máis”. “Unha cifra que se queda corta, tendo en conta os informes elaborados por expertos que sitúan en máis de 1.000 millóns de euros o que realmente lle correspondería á Comunidade galega neste modelo de financiamento autonómico”, indicou.