A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica o Partido Popular como o grupo maioritario en todas e cada unha das institucións galegas e nacionais. “Somos o partido da xente, a única opción válida para sacar a este país do caos de Sánchez e os seus socios independentistas”, sinalou durante a súa intervención na segunda Interparlamentaria do PP de Ourense, “Conectados ao Futuro”, que se celebrou hoxe no claustro de San Francisco, e que puxo en valor cuestións como o futuro do rural.
“O Partido Popular é a alternativa que merece Galicia e merece España”, manifestou durante a clausura do acto, na que tamén participaron o presidente do PP de Ourense, Luis Menor e o secretario xeral do PP, Miguel Tellado.
Prado puxo a Ourense como “exemplo de política útil, de servizo e pegada ao territorio”. Sacou músculo da representación do PP que “traballa a diario por esa política útil”, con 40 deputados no Parlamento de Galicia, 13 deputados nacionais e 14 senadores.
O FUTURO NON É POSIBLE CON SÁNCHEZ
A número dous dos populares galegos destacou que o PPdeG goberna no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes de Galicia, con ampla presenza na provincia de Ourense, poñendo en valor o PP como “o partido do rural, que quere seguir conectado e medrando”. Deste xeito, sinalou que o PP traballa para que os agravios con Galicia “rematen dunha vez por todas”, polo que instou aos populares a seguir “intensificando” o traballo sobre o terreo para os retos electorais que veñen por diante. “O PP defende aos galegos fronte aos ataques frontais dun Goberno a deriva”, criticou. Afeou, nesta liña, que Sánchez está “máis preocupado das súas leas internas e das súas corruptelas” que de asuntos que preocupan a cidadanía.
Para Prado, o Goberno actual é “a ruína de España e de Galicia”, criticando tamén aos socios independentistas do BNG e a súa líder Ana Pontón, que lle deron o si a Sánchez “a cambio da nada para Galicia” e ao PSdeG de Xosé Ramón Besteiro, un emisario en Galicia “sen credibilidade nin voz en Madrid”.
Lembrou cuestión que afectan a Galicia e que dependen do Goberno central, como a falta de boas infraestruturas, a merma de efectivos de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a falta de apoio cos proxectos industriais, a débeda de fondos da dependencia ou o boicot a novas medidas. Así, fixo fincapé na supresión de frecuencias da alta velocidade en A Gudiña, cunhas medidas do Goberno trala presión dos populares que non supoñen recuperación de frecuencias, senón axuste de horarios.
A DÉBEDA DE 3.000 MILLÓNS DA DEPENDENCIA
Igualmente, sinalou que o Goberno central “está moi lonxe de cumprir coa Lei de Dependencia”. Dos 733 M€ destinados nese ano ao financiamento da dependencia, máis de 492 M€ eran da Xunta, fronte aos 241 M€ do Estado, o que supón unha diferencia de 250 M€. A contribución estatal, en lugar de medrar, segue baixando ano a ano. A débeda cos galegos en materia de dependencia supera xa os 3.000 M€.
Por outra banda, reivindicou o acceso á vivenda como “prioridade máxima” do Goberno galego, con medidas concretas en marcha, fronte ás promesas de Sánchez para Galicia que cualificou de “propaganda electoral barata”.
Tamén criticou o “falso feminismo” dos socialistas e os seus socios, lembrando que son os da lei do ‘só si e si’ que puxo a centos de agresores sexuais na rúa, os escándalos das pulseiras antimaltrato, o DAO ou o uso da prostitución dos seus cargos. Referiuse ao caso Tomé, que continúa no poder grazas aos votos do PSOE e BNG.
Ademais, foi crítica coas medidas anunciadas por Sánchez para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio, que aprobaron sen ter en conta -unha vez máis- ás comunidades autónomas, que son as que as van a financiar. “Mentres, en Galicia fixemos as cousas ben: o presidente Rueda anunciou esta mesma semana no Parlamento que a Xunta destinará 270 M€ para paliar esta crise”, subliñou Prado.
LEMBRANZA A MIGUEL ÁNGEL BLANCO
A secretaria xeral tamén fixo referencia ao legado de Miguel Ángel Blanco, concelleiro popular en Ermua con raíces en A Merca, asasinado pola banda terrorista ETA en 1997. Precisamente, o PPdeG, da man das Novas Xeracións do PP galego, homenaxeou esta mesma semana a Miguel Ángel Blanco na súa localidade de orixe, con motivo dos nove anos dende que se nomeou presidente honorífico das Novas Xeracións do PP. “Miguel Ángel Blanco é símbolo de coraxe democrática, de liberdade, pluralismo, convivencia e respecto”, reivindicou.
LUIS MENOR: POR UN OURENSE CONECTADO E MODERNO
O presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, puxo en valor a Interparlamentaria porque “impulsa a coordinación do traballo nas distintas cámaras lexislativas e a corporación provincial”, Un xeito, dixo, de que “a cidadanía coñeza os nosos principios e valores e ofrecer respostas ás necesidades do territorio e das súas xentes”. Neste sentido, referiuse as principais conclusións da xornada, entre as que destacou que o PP ten como prioridade absoluta garantir un Ourense conectado, moderno e con servizos públicos de primeira.
Menor defendeu, ademais, un traballo político coordinado para acadar un Ourense con actividade económica sólida, apostando pola dixitalización, co obxectivo irrenunciable de lograr que a balneoterapia inclúase no Sistema Nacional de Saúde. Unha provincia saudable, onde xunto aos millonarios investimentos da Xunta en Sanidade, “construímos un lugar onde envellecer con dignidade e seguridade é un dereito”, en referencia á alianza estratéxica entre a Deputación e a Xunta de Galicia para crear máis residencias para maiores.
Avogou tamén por un rural vivo e competitivo, con remuda xeracional, montes blindados ante o lume cun modelo de prevención integral e xestión activa da biomasa, onde se protexa o patrimonio natural e “un rural que siga sendo seguro, poñendo freo ao desmantelamento de cuarteis da Garda Civil”.
Concluíu afirmando que con esta segunda Interparlamentaria “deixamos constancia do compromiso de defensa desta terra e as súas xentes, porque somos a voz que reclama o que nos pertence e a man que executa o que Ourense necesita”.
MIGUEL TELLADO: “SÁNCHEZ REBENTA A IGUALDADE ENTRE ESPAÑOIS”
O secretario xeral do PP nacional, Miguel Tellado, subliñou a “vocación de servizo” dos populares e fixo un guiño ao PP de Ourense, que “está ao carón da xente, que o demostra nas urnas con resultados estratosféricos para Ourense”.
O secretario xeral do PP criticou que Sánchez “segue defendendo un sistema de financiamento autonómico que rebenta a igualdade entre españois, sen orzamentos, sen maioría parlamentaria, sen ter ningún futuro e sen atreverse a dar voz aos españois nas urnas”.
Recriminou que o Goberno “non está á altura” e asevera que Sánchez chegou “tarde, a rastro e forzado pola situación” ao decreto de axudas pola guerra en Irán. Resalta que Sánchez leva tres semanas “facendo caixa” co aumento de prezos de produtos básicos e “mofándose das propostas do PP” para despois “copialas con 20 días de atraso, de forma incompleta e chafalleira, mesturándoas con outros asuntos que non teñen nada que ver e sen incluír a baixada do IRPF que tanto necesitan os traballadores”.
CONECTADOS AO FUTURO: XORNADA DE TRABALLO
A segunda Interparlamentaria do PP de Ourense celebrada hoxe no claustro de San Francisco celebrouse baixo o lema “Conectados ao futuro” e serviu de xornada de traballo e coordinación de actividades, con presenza de representantes das diferentes cámaras: deputados provinciais, autonómicos e nacionais.
Ana Méndez, presidenta da xestora local do PP de Ourense, participou nas conclusión dos traballos. Neste peche, a deputada provincial Patricia Torres ofreceu aos asistentes as conclusións do debate “Ourense vivo”. Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, falou do “Ourense que coida”. A continuación, o senador Manuel Baltar abordou o “Ourense con futuro” e, por último, o deputado nacional Celso Delgado ofreceu conclusión do “Ourense conectado”.