O PPdeG reitera ao Goberno de Sánchez e aos seus socios que actúen de forma urxente para frear a crise do Grupo Losán, coa que están en xogo 2.000 postos de traballo -directos e indirectos- en Galicia, Castela e León e Castela A Mancha. Os populares presentan este xoves no Senado unha moción para instar ao Ministerio de Industria e á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) que aprobe o plan de viabilidade xa presentado e coordinar unha solución integral antes da finalización do prazo de preconcurso de acredores, co fin de contar cun plan “sólido” para que non se incremente a incerteza. Do mesmo xeito, o PPdeG urxe ao Concello da Coruña e á alcaldesa socialista Inés Rey que “non se poña de perfil” ante esta situación.
Entre as iniciativas que representantes galegos do Partido Popular continúan presentando nas diferentes cámaras para esixirlle ao Executivo Central que actúe, o grupo popular lidera agora no Senado a citada proposta, coa que se solicita unha axuda á sustentabilidade do Grupo Losán por parte do Goberno de Sánchez, instándoo a que active os instrumentos de apoio necesarios -e previstos no marco legal- para empresas estratéxicas coma esta con sede en Curtis (con 800 postos de traballo afectados na zona) e con dimensión supraautonómica.
A senadora galega Rosa Gallego pon o foco no calendario como factor “determinante”, xa que de non aprobarse antes do 29 de abril o plan de viabilidade, incrementarase gravemente a incerteza sobre o futuro industrial do grupo e dos seus traballadores.
Rosa Gallego insiste na “dimensión” da empresa, así como do seu impacto económico que “excede claramente ao ámbito municipal e autonómico” e que corresponde ao Goberno de Sánchez tomar medidas.
“O esforzo institucional conxunto, realizado co obxectivo de preservar unha capacidade industrial considerada estratéxica, esixe agora responsabilidade institucional, seguimento e coordinación efectiva por parte das administracións”, subliña a senadora popular.
O grupo popular no Senado insistirá na necesidade dunha actuación “rápida, coordinada e efectiva” para garantir a continuidade da actividade industrial, protexer o emprego e asegurar que os recursos públicos destinados ao sostemento desta empresa estratéxica contribúan directamente á reactivación do grupo empresarial.
Pola súa banda, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, insiste na necesidade de que Sánchez e os seus socios independentistas recoñezan e atendan formalmente o acordo unánime adoptado polos concellos afectados en Galicia, en virtude da “lealdade e cooperación entre administracións”.
Ademais, os populares lembran que os concellos afectados fixeron unha “fronte común” para esixir que non peche a industria, mentres o Concello de A Coruña e a súa alcaldesa Inés Rey non se uniron as reivindicacións, polo que instan á rexedora a que “apoien aos traballadores e ás familias afectados por esta crise financeira e produtiva”.
MÁIS INICIATIVAS NO SENADO
Por outra banda, os senadores populares tamén rexistraron unha pregunta -aínda sen resposta- nas Cortes Xerais, para cuestionar especificamente o papel de Inés Rey nesta crise. Así a senadora Rosa Gallego pregunta no Senado se a alcaldesa da Coruña mantivo algunha reunión coa viabilidade do Grupo Losán co Goberno de España e, en caso afirmativo, que solucións se propuxeron por parte do Executivo.