O deputado popular Rubén Lorenzo salientou hoxe na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento que a preocupación da veciñanza de Soandres e do conxunto do municipio da Laracha “é absolutamente lexítima” e merece “todo o respecto e acompañamento institucional”, ao tempo que puxo en valor o papel do Concello da Laracha, que está a informar e apoiar aos veciños no proceso de presentación de alegación á planta de biogás da Laracha.
Lorenzo lembrou que o proxecto da planta atópase actualmente en fase de información pública, “un proceso aberto, transparente e regulado por lei que garante a participación de toda a cidadanía”. Neste sentido, destacou a elevada participación na recente reunión informativa celebrada no auditorio municipal, que rexistrou unha grande afluencia de veciños interesados en coñecer os detalles da iniciativa.
“O camiño correcto é informar, explicar e escoitar”, subliñou o deputado, quen tamén advertiu de que “hai quen prefire xerar alarma e desinformación en lugar de contribuír a un debate rigoroso”, en referencia a determinadas actitudes observadas durante o encontro.
No tocante ao procedemento administrativo, Lorenzo insistiu en que a Xunta de Galicia “ten a obriga legal de tramitar todos os proxectos que se presentan, o que non implica en ningún caso avalalos”. Así, explicou que a viabilidade da planta dependerá exclusivamente dos informes técnicos independentes elaborados por organismos competentes en materia ambiental, sanitaria, de patrimonio e de xestión de residuos.
“Se o proxecto non cumpre cos requisitos esixidos, non sairá adiante. Así de claro”, afirmou, ao tempo que destacou que Galicia aplica criterios técnicos esixentes, incluíndo as Mellores Técnicas Dispoñibles en materia de olores, para garantir a protección da saúde e do medio ambiente.
O deputado tamén criticou a iniciativa presentada polo PSdeG, asegurando que “recolle como novidades cuestións que xa están plenamente vixentes ou reguladas pola normativa actual”, como a participación pública, a existencia de informes independentes ou a planificación estratéxica.
Especialmente crítico foi coa autoemenda socialista que propón suspender o procedemento de autorización do proxecto. “A Xunta non pode suspender un procedemento administrativo sen causa legal. Facelo sería ilegal e vulneraría dereitos básicos”, advertiu Lorenzo, quen cualificou esta proposta de “incoherente”, ao pedir paralizar o proceso xusto cando está aberta a participación pública.
Finalmente, Rubén Lorenzo anunciou o voto en contra do seu grupo parlamentario á proposta socialista, aclarando que esta posición “non supón en ningún caso desatender a preocupación veciñal nin posicionarse a favor ou en contra do proxecto”, senón rexeitar “unha iniciativa mal formulada e unha autoemenda que carece de encaixe legal”.
“O importante é garantir que as cousas se fagan ben, con rigor, transparencia e todas as garantías. Galicia conta cun dos sistemas de avaliación ambiental máis esixentes, e só sairán adiante aqueles proxectos que cumpran estritamente a legalidade”, concluíu.