O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a “boa política, construída desde o local, que “soluciona problemas e non os crea”, co exemplo de Cuntis e de Isabel Couselo, como portavoz municipal e presidenta do PP local. “Isabel traballa con rigor, seriedade e empatía”, manifestou no Xantar do Partido Popular desde municipio, cuns 350 asistentes, onde reivindicou o “compromiso directo do partido cos veciños”.
O líder dos populares galegos felicitou a xestión feita dende o PP de Cuntis, pondo en valor o “traballo diario” que fai que a confianza da veciñanza se xere “no día a día, grazas ao esforzo e aos compromisos”. Na xuntanza, na que exerceu como anfitrioa Isabel Couselo, tamén participaron o presidente provincial do PP da provincia de Pontevedra, Luis López, e o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos.
Neste sentido, Rueda aproveitou tamén para poñer en valor os cumprimentos do Goberno galego co programa electoral. “Se a xente nos dá a súa confianza hai que comprometerse con eles e traballar para resolver os seus problemas”, recordando que desde o Goberno galego se pon o foco en diversos eidos como a sanidade, a educación ou a vivenda.
Para Rueda, todas estas iniciativas e compromisos son resultado desa “boa política”: a do Partido Popular feita “dende Cuntis, Santiago ou Madrid”. Fronte a iso, o presidente do PPdeG cre que chamarlle “mala política” ao que fai o PSOE “quédase curto”. “En Galicia facemos as cousas con seriedade, rigor e empatía coa xente”, mentres que en España “parece que temos que normalizar determinados disparates”.
“O normal cando te dedicas a asuntos públicos é o contrario ao que está pasando en España”, remarcou, centrándose na importancia de “traballar con rigor, ser honrados e pensar que non se pode decepcionar a quen aposta por ti”.
UN ANO DE PARA IR “SEN MEDIAS TINTAS” ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
En clave de eleccións municipais, o líder do PPdeG animou a “traballar dende xa para ir a por todas, sen medias tintas”, de cara ás próximas eleccións municipais e tamén de cara as eleccións xerais. Deste xeito, lembrou que o PP “é o partido máis próximo á xente, o máis parecido a Galicia”, valores que “non podemos perder nunca”.
POÑER FIN A UNHA DÉCADA SOCIALISTA ERRÁTICA EN CUNTIS
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, salientou que a multitudinaria asistencia á xuntanza “é o claro preludio do que vai pasar dentro dun ano cunha rotunda vitoria do PP da man de Isabel Couselo” e a consecución da Alcaldía “para poñer fin a máis dunha década socialista errática, sen proxectos, sen atención aos veciños e na que a única noticia foron as interminables débedas do Concello”.
Pero en todo caso, quixo facer un chamamento a “non confiarse” polas sensacións de cambio que transmite a inmensa maioría dos veciños e reclamou un “traballo sen descanso para culminar con éxito un fito que se toca cos dedos e que ten que converter a Isabel Couselo en alcaldesa”.
Pola súa banda, a presidenta do PP de Cuntis agradeceu todas as mostras de apoio e convidou aos presentes a seguir na liña de traballo actual para que, no vindeiro mandato, o PP poida gobernar o Concello para centrarse, dunha vez por todas, no desenvolvemento de solo empresarial, a consecución de vivenda, a mellora da rede viaria e das instalacións deportivas e socioculturais, o impulso ao turismo termal e patrimonial e o apoio decidido e constante ás asociacións, colectivos e clubs.