O Senado aprobou unha iniciativa do Grupo Popular, cos votos en contra do PSOE, para que o Goberno de España defenda e desenvolva unha Estratexia Española de Diplomacia Oceánica “superando a actual ausencia de dirección política e situando a España nunha posición de liderado na definición da política pesqueira e marítima da Unión Europea”.
O senador lucense do PPdeG José Manuel Balseiro esixe “liderado político, capacidade para condicionar decisións e para protexer a un dos sectores estratéxicos do país. Unha cousa é ir a Bruxelas e outra cousa influír en Bruxelas. España non lidera, o Goberno vai a remolque doutros; mentres os nosos pescadores teñen que soportar máis restricións, máis burocracia e máis custes”.
Balseiro asegura que “o Goberno de Sánchez non está á altura” da importancia do sector pesqueiro español: “España é a primeira potencia pesqueira da UE, somos referencia mundial en captura, transformación e comercialización de produtos do mar e miles de familias dependen deste sector especialmente en comunidades coma Galicia onde a pesca forma parte da nosa economía, identidade e forma de vida”. Nese sentido, engade que “a Xunta si deu permanentemente a batalla en defensa do mar e dos seus profesionais combatendo as decisións impulsadas dende o ecoloxismo radical mal entendido e defendendo “a compatibilidade da sostibilidade ambiental coa actividade económica e o emprego”.
A resolución aprobada recentemente polo Parlamento Europeo constata unha realidade que os nosos pescadores levan anos denunciando: o deterioro progresivo da competitividade do sector pesqueiro europeo debido ao incremento dos custes de explotación, a carga normativa, a redución das posibilidades de pesca e a crecente competencia de terceiros países que operan baixo estándares moito menos esixentes.
CLÁUSULAS ESPELLO
Balseiro avogou por “esixir as mesmas condicións” aos produtos procedentes doutros países que non cumpren as mesmas e estritas normas (sanitarias, medioambientais, laborais e de trazabilidade). “Ninguén podería vender pescado no noso mercado sen cumprir exactamente as mesmas condicións”. Do contrario, “estariamos castigando a quen cumpre e premiando aos que producen máis barato porque operan con menos controis e menos esixencias”.
Así, o popular considera “imprescindible” reforzar os controis sobre as importacións, combater a pesca ilegal e avanzar na implantación de “cláusulas espello” en toda Europa para que “os consumidores saiban que o que compran cumpre coas mesmas garantías” e “os nosos pescadores compitan en igualdade de condicións”.
O senador mariñán advertiu “que os problemas da pesca non é unha percepción do Partido Popular, senón unha realidade que viven os nosos pescadores cada día”. E engadiu que “non é razoable esixir cada vez máis obrigas á nosa frota mentres se permite a entrada de produtos procedentes de terceiros países que non cumpren as mesmas normas, nin falar de relevo xeracional mentres se dificulta a modernización dos barcos, nin recoñecer en Europa os problemas do sector sen conseguir cambios normativos que os solucionen”, afeou.
A EMENDA SOCIALISTA BALEIRA DE CONTIDO A MOCIÓN
O Grupo Popular rexeitou a emenda socialista que considera “un disfraz” porque “baixo unha aparencia razoable, baleira de contido a moción presentada”. O senador lucense lembrou que “a nosa proposta parte dunha idea moi clara: España necesita unha estratexia propia de diplomacia oceánica”. E considera que debe ser “unha estratexia ambiciosa, con iniciativa, con liderado e con capacidade para defender os intereses da nosa frota, das nosas empresas e das nosas comunidades costeiros en todos os foros internacionais”.