O PPdeG reclama ao Goberno central que deixe de dilatar a remisión á Comisión Europea do informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo, e que permita ás comunidades autónomas desenvolver unha xestión da especie baseada en criterios científicos e adaptada á realidade de cada territorio.
Así o expresaron hoxe a deputada no Congreso Rosa Quintana e a senadora Carmen Leyte, durante a visita que realizaron a unha explotación gandeira situada na localidade de Recarei (Bande), na que a propietaria Isaura de la Torre sufriu onte mesmo a perda de animais polo ataque do lobo. Na visita á explotación da Baixa Limia, as populares coñeceron directamente unha situación que, segundo advirten, “non pode abordarse desde os despachos ignorando o que está a suceder no territorio”. Tamén participou na visita a alcaldesa de Bande e secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas.
O Partido Popular leva moito tempo defendendo unha posición moi clara, apuntaron as representantes nas Cortes Xerais: “Queremos conservar o lobo, pero tamén queremos conservar aos nosos gandeiros. Ambas as cousas son compatibles se as decisións se adoptan con datos científicos e non desde formulacións ideolóxicas”.
As comunidades autónomas realizaron durante os últimos anos un importante traballo técnico e científico para coñecer a evolución das poboacións de lobo e a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobou o pasado 22 de xuño o informe sexenal, que considera favorable o estado de conservación da especie nas rexións bioxeográficas Atlántica e Mediterránea.
“Xa non estamos ante unha discusión sobre se existe ou non documentación técnica. O informe existe, foi debatido e foi aprobado. O que corresponde agora é que o Goberno cumpra e o remita á Comisión Europea”, afirman as populares galegas. Neste sentido, consideran “especialmente preocupante” que a demora do Goberno de Sánchez se produza mentres as explotacións gandeiras continúan sufrindo ataques e mentres as propias administracións autonómicas constatan a evolución positiva das poboacións.
Como exemplo de xestión citaron o caso de Asturias, “especialmente significativo” en tanto o goberno do Principado modificou recentemente o seu Plan de Xestión do Lobo para recuperar os controis poboacionais con certeza xurídica, constatando un incremento do 11% da poboación, con 50 mandas en 2025, das que 46 son reprodutoras. “Estamos a ver como mesmo gobernos autonómicos socialistas recoñecen que é necesario xestionar a poboación, pero o Goberno central continúa poñendo obstáculos para dar resposta os problemas reais da gandería”.
Lembraron así mesmo que o atraso do Goberno español na presentación do informe sexenal provocou que a Comisión Europea iniciase un procedemento de infracción contra España por incumprir as súas obrigacións de información.
A cuestión non debe exporse como unha elección entre lobos e gandeiros: “O obxectivo debe ser garantir un estado de conservación favorable do lobo e, ao mesmo tempo, facer viable a gandería extensiva. Precisamente para iso existe a xestión de fauna silvestre”, insisten Quintana e Leyte.
APOIO DO GOBERNO GALEGO AOS GANDEIROS
Neste sentido, o PPdeG salienta tamén o compromiso da Xunta co sector agrogandeiro, que se traduce en medidas concretas para paliar e previr os danos provocados polo lobo. En concreto, o Goberno galego leva mobilizado na última década 13,8 millóns de euros a través de diferentes ordes de axudas tanto para paliar os danos causados polos ataques desta especie como para a compra de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e cerrumes móbiles electrificados, a instalación de valados fixos e a contratación de persoas coidadoras do gando.
Só no 2025, o importe das achegas concedidas neste eido superou os 850.000 euros. Un esforzo económico que evidencia, na práctica, o compromiso da Xunta por facer compatible a conservación do lobo coa viabilidade da actividade gandeira.