O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular nas que se reclama ao Goberno central que aprobe un real decreto que estableza o coeficiente redutor da idade de xubilación aos 60 anos en favor do persoal técnico forestal que exerce funcións de Director Técnico de Extinción de incendios forestais: “É unha cuestión de xustiza laboral e de seguridade operativa para un colectivo que asume a dirección estratéxica nas situacións máis críticas”.
Segundo dixo o deputado popular Ángel Rodríguez, con esta medida búscase “equiparar o seu réxime ao doutros colectivos vinculados á loita contra o lume e ás emerxencias en Galicia”, como os bombeiros forestais, os axentes forestais e medioambientais ou determinados corpos de seguridade e emerxencias, que xa contan con precedentes neste tipo de recoñecementos.
“A xubilación aos 60 anos permitiría facilitar a planificación do relevo xeracional dentro do sistema, garantindo a renovación progresiva do persoal técnico e reforzando a estabilidade estrutural do dispositivo”, subliñou o deputado popular.
UNHA DEMANDA XUSTIFICADA TÉCNICA E XURIDICAMENTE
Asemade, fixo fincapé nos fundamentos técnicos, xurídicos e organizativos xustificados. Neste punto, indicou que o marco normativo estatal, a través do Real decreto 402/2025 do 27 de maio, ampara legalmente esta redución da idade ordinaria de xubilación. Esta normativa regula o procedemento para aplicar coeficientes redutores naquelas actividades profesionais “cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, tóxica ou perigosa”.
Así, remarcou en que o desempeño destas funcións implica unha exposición efectiva e continuada a factores de risco, tales como a exposición continuada a fume, gases e partículas; o estrés térmico asociado ás condicións ambientais e ao comportamento do lume ou, entre outros, as xornadas prolongadas de elevada intensidade operativa.
A iniciativa, que saíu adiante sen votos en contra, recolle que a implantación da xubilación aos 60 anos para este colectivo contribuiría a, tal e como salientou, reforzar a seguridade operativa do dispositivo, mellorar a estabilidade organizativa, favorecer o relevo xeracional e optimizar a eficiencia do sistema de defensa contra os incendios.
Ángel Rodríguez explicou que o dispositivo de loita contra incendios forestais de Galicia articúlase organizativamente a través do Sistema Estrutural de Mando Operativo (SEMOP), incorporado ao PLADIGA, que adapta ao ámbito autonómico o modelo internacional de xestión de emerxencias ICS (Incident Command System). Dentro desta estrutura, o persoal técnico forestal “exerce tarefas clave de planificación, análise operativa e toma de decisións estratéxicas a pé de campo, asumindo a máxima responsabilidade na xestión dos recursos dispoñibles e na estruturación dos incendios”.
Por todo isto, o Grupo Popular considera prioritario acelerar o procedemento técnico e xurídico ante o Ministerio correspondente para materializar este dereito e consolidar a eficacia e a remuda xeracional no mando operativo do dispositivo de defensa contra os incendios forestais de Galicia.