Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron varias reunións institucionais en Bruxelas, no Parlamento Europeo da man do eurodeputado Adrián Vázquez, para abordar temas fundamentais para a provincia, con especial atención ao sector primario, ao desenvolvemento industrial e á captación de fondos europeos para impulsar proxectos e investimentos no territorio.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destacou a importancia de poder chegar a este tipo de institucións “nas que poñer sobre a mesa a realidade da provincia de Lugo” así como “coñecer de primeira man as liñas de traballo e as oportunidades que ofrece a Unión Europea”. “Lugo ten que estar presente en Europa; necesitamos coñecer as oportunidades que existen, defender os intereses dos nosos veciños e traballar para que os recursos europeos se traduzan en investimentos e oportunidades para os nosos concellos”, sinalou.
Antonio Ameijide tamén quixo agradecer “a Adrián Vázquez que nos dese esta oportunidade de poder trasladar as necesidades da provincia a Europa, poder dar voz aos nosos veciños no Parlamento Europeo “.
As xuntanzas tiveron lugar con Valentina Corsetti, coordinadora da unidade de España e Portugal da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea; así como con Eleonora Orso, asesora de políticas públicas e coordinadora do foro de desenvolvemento económico de Eurocities.
Un dos eixes das reunións foi o sector primario, clave para a economía lucense e para o mantemento da actividade económica, así como para fixar poboación no rural.
Neste senso, Ameijide destacou que “a gandería e a agricultura son sectores estratéxicos para Lugo, non só polo seu peso económico, senón tamén polo seu papel na conservación do territorio e na fixación de poboación”, polo que incidiu na necesidade de que as decisións adoptadas en Europa teñan en conta as características das explotacións lucenses e das persoas que viven e traballan no rural.
O desenvolvemento industrial foi outro dos ámbitos analizados, coa vista posta na necesidade de favorecer a chegada de novos investimentos, fortalecer o tecido empresarial e crear oportunidades de emprego. “Lugo ten potencial para medrar, xerar emprego e atraer proxectos empresariais, pero para conseguilo é fundamental coñecer os instrumentos europeos que poden contribuír a ese desenvolvemento e traballar para que a provincia non quede á marxe das oportunidades de investimento”, afirmou.
CAPTACIÓN DE FONDOS EUROPEOS
A captación de fondos europeos tamén foi un dos temas destacados xa que Europa pode contribuír ao financiamento de proxectos transformadores para a provincia. O acceso aos programas comunitarios e o coñecemento das convocatorias son aspectos relevantes para que os concellos poidan desenvolver iniciativas que melloren os servizos, impulsen a actividade económica e favorezan a cohesión territorial.
“Deste xeito os concellos, sobre todo os máis pequenos, terían unha maior capacidade para poder captar e fixar poboación e así ter a opción de atraer novos proxectos empresariais ou colaborar no crecemento dos xa existentes”, aseverou.
Antonio Ameijide destacou en que “non é suficiente con falar de fondos europeos: hai que coñecer as posibilidades reais de acceso, preparar proxectos e traballar para que eses recursos cheguen a Lugo e logo sexan realidades”.