O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou que “Galicia ten que ser unha peza fundamental na vitoria de Alberto Núñez Feijóo” nas Eleccións Xerais do 29 de novembro, cun voto masivo ao Partido Popular que permita aproveitar a “oportunidade” que ofrecen as urnas de cambiar o Goberno de España.
Así o indicou nun mitin celebrado en Vilagarcía de Arousa, no que tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e o tamén candidato ao Congreso, Juan Andrés Bayón. A cita, na que exerceu de anfitrioa a presidenta da Xestora do PP local, Ana Granja, tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.
Na súa intervención, Rueda insistiu en que dentro de dúas semanas exactas votaranse “dous camiños”: un supón seguir igual, “coa decadencia, a corrupción e as mentiras” que definiron os oito anos de sanchismo; mentres que o outro devolverá a España a “seriedade, a palabra e a xestión” da man de Feijóo. En definitiva: “sentidiño” fronte a “sen sentido”. “Xogámonos moito”, remarcou.
O líder do PPdeG insistiu en que a maquinaria do PPdeG ten que funcionar “a tope” para -como vén reclamando nas últimas semanas- ser o “motor” do cambio que precisa España. Neste sentido, lembrou que a xente está farta dun Goberno, o de Pedro Sánchez, que só trouxo “incumprimentos” e “discriminacións” para a nosa Comunidade, á que deixa soa no seu plan de duplicar o parque público de vivenda ao tempo que provoca conflitos na sanidade en lugar de solucionar o déficit de médicos.
Rueda incidiu en que é necesario mudar o “show” do Goberno pola “xestión” que demostrou Feijóo á fronte da Xunta durante 13 anos, e impulsar unha “rexeneración” despois dun ronsel de escándalos que ten no chófer de Sánchez e o posible fraude na compra das pulseiras antimaltrato como últimos exemplos. Así mesmo, censurou o “paripé que nunca se cumpre” do acordo de investidura do BNG co PSOE. “Esa non é Galicia, Galicia é esforzo, e ese esforzo merece un respecto”, remachou.
GARCÍA COMESAÑA: “SÁNCHEZ ASFIXIA Á XENTE A IMPOSTOS”
O cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, apelou aos vilagarciáns para pedirlles a confianza en Alberto Núñez Feijóo e o PP “para deseñar un futuro cunha fiscalidade máis xusta, con impostos máis baixos e coa máxima eficacia na xestión do diñeiro público para mellorar os servizos públicos”.
“Mentres as familias teñen cada vez máis dificultades para chegar a finais de mes, o Goberno de Sánchez está a asfixiar á xente a impostos”, aseverou o candidato popular, antes de concretar que nos últimos sete anos a recadación tributaria na provincia medrou un 70% “sen que iso se nótase na calidade de vida, no estado da estradas, na construción de vivenda pública, nos investimentos e en absolutamente nada, porque Vilagarcía e a provincia están totalmente abandonadas polo PSOE”.
Comesaña insistiu en que España precisa “a xestión e atención aos cidadáns” que representa Feijóo e advertiu de que o 29 de novembro “temos unha oportunidade extraordinaria que temos que aproveitar co voso traballo e implicación no proxecto do PP”.
Finalmente, o candidato vilagarcián Juan Bayón marcou que o obxectivo é que Feijóo sexa presidente do Goberno “para que Vilagarcía por fin poida ser escoitada e atendida desde Madrid” tras máis de oito anos de esquecemento de Sánchez e exemplificou os incumprimentos co proxecto de humanización da N-640, que foi anunciado polo Goberno central en marzo de 2023 -hai tres anos e medio- por 5,7 millóns de euros e nin sequera está proxectado.
Ademais, rematou cunha apelación ao voto útil: “Na nosa provincia calquera papeleta que non sexa a do PP, absolutamente todas, son votos para a continuidade de Sánchez, así que está claro que o cambio hai que concentralo en votos ao PP, só ao PP”.