O PPdeG censurou que os fallos no sistema Cometa de seguimento telemático de agresores e, concretamente, das coñecidas como “pulseiras antimaltrato”, poñen “en perigo” a vida das vítimas que levan estes dispositivos, a causa dos “múltiples e sistemáticos problemas” rexistrados, que “continúan a día de hoxe”. Ademais, a Fiscalía Europea mantén aberta desde o ano pasado unha investigación por un presunto fraude no uso de fondos europeos destinados a adquirir estas pulseiras, que o Ministerio de Igualdade tería ordenado empregar incluso en casos onde se acreditaba que non funcionarían, segundo informacións publicadas hoxe.
Ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, defendeu hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, unha proposición non de lei para instar ao Goberno central a que faga públicas, con urxencia, as conclusións das auditorías encargadas polo Ministerio, con información detallada, a raíz dos fallos xa advertidos desde o eido xudicial en 2024, e información tamén detallada sobre o novo contrato de Cometa; que incorpore mecanismos reforzados de control e supervisión; que avalíe e corrixa as deficiencias específicas detectadas en Galicia; e que garanta que as melloras tecnolóxicas non se limite aos novos dispositivos.
Arias advertiu de que “o último que necesitan as vítimas” é que “lles falle o sistema que ten que protexelas”. Lembrou que “as alarmas acendéronse” hai máis de dous anos, a través da Fiscalía de Madrid, e disparáronse en novembro de 2025 co colapso do sistema, que deixou a case 5.000 mulleres desprotexidas durante máis de 12 horas. Posteriormente, transcendeu que un erro masivo no envorcado de datos entre finais de 2023 e principios de 2024, cando se traspasa a xestión do sistema, fixera imposible durante meses coñecer os movementos dos agresores.
E, así mesmo, sóubose que durante polo menos ano e medio o sistema rexistrara erros nos posicionamentos, con alertas sen motivo ou con pulseiras que non se activaban cando debían facelo. Fallos que continúan a producirse, como revelou recentemente a Memoria de 2026 da Fiscalía Superior de Galicia, que advirte de incidencias especialmente na fronteira con Portugal e no rural.
A xestión do Ministerio de Igualdade “só pode cualificarse de lamentable; por temeraria e por frívola. Xa veremos tamén se por corrupta”, criticou Arias, quen se referiu á entrada da UCO na sede do Ministerio, a pasada semana, no marco dunha investigación por posible fraude na compra de pulseiras. Sánchez está “asediado pola corrupción en todos os ámbitos”, e semella que agora “tamén” no eido da violencia de xénero, apuntou.
“FALTA DE HUMANIDADE” DO MINISTERIO DE IGUALDADE
Arias lembrou que a Xunta, “preocupada” e en “alerta” desde o “primeiro momento”, reclamou responsabilidades e solucións ao Goberno e solicitou en varias ocasións datos do impacto en Galicia dos fallos nas pulseiras, sen resposta. En contraposición, o Ministerio de Igualdade cualificou de “puntuais” os problemas, nun exercicio de “frivolidade” e “falta de humanidade”, e aínda non desvelou o contido da investigación prometida. Por este motivo, sinalou Arias, “esta iniciativa é absolutamente necesaria”: para “coñecer a verdade” e que se poñan os “mecanismos necesarios para que as mulleres incluídas no sistema Cometa estean seguras e se sintan seguras”.
A representante popular lamentou que a “pasividade” e “falta de ética” do Goberno en -que é quen ten as competencias neste eido- provocaron a desconfianza das mulleres. Para concluír, afeou a actitude do PSOE, que en lugar de ser “serios” e promover que se corrixan os erros e se faga unha investigación a “fondo”, presumen de feminismo polo feito de ter un “Ministerio de Igualdade”. Do mesmo xeito, acusou o BNG de mudar de discurso en canto “pasan a fronteira” de Galicia e apoiar a Sánchez, porque “dálles igual” a eiva en axentes de Policía, xulgados de violencia de xénero ou que non se corrixan as deficiencias nas pulseiras. “Responsabilícense do que fan” e “apoien ás galegas”, demandou.