O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, chamou os galegos e as galegas a depositar a papeleta do Partido Popular nas urnas o vindeiro 29 de novembro, e certificar, así, que o sanchismo chegou ao seu “fin de ciclo”, como xa se comprobou no debate entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez. Ao mesmo tempo, o líder dos populares galegos animou á veciñanza a demostrar por que Galicia é a terra do “sentidiño” e confiou en tantas ocasións, cando as eleccións eran autonómicas, na candidatura liderada por Feijóo.
Así o manifestou durante a súa intervención na tradicional cea de Nadal do PP de Sanxenxo, celebrada no Pavillón Nantes, na que tamén interviñeron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a número dous ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Pepa Pardo, exercendo como anfitrión o alcalde Telmo Martín. Ao encontro tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña.
O presidente do PPdeG non ocultou, como vén facendo desde o pasado venres, a satisfacción que provocou que “toda España” vise no cara a cara que emitiron todas as televisións a un “presidente”, Feijóo, deixar en evidencia que Sánchez xa non é capaz de defenderse nin de ofrecer propostas. Porén, lembrou que non hai nada “feito” ata o próximo 29N, día no que se decida se chega o cambio da man do candidato do Partido Popular. Por iso, insistiu, na importancia de acudir a votar e elixir a única opción que pode acabar co sanchismo: a do Partido Popular.
Baixo esta premisa, e despois de insistir en que o 29N ofrece tan só dous camiños -ou seguir igual ou recuperar a xestión e a limpeza grazas a Feijóo-, Rueda incidiu na importancia de concentrar o voto no PP, o único “útil”, cando hai tanto en xogo para o futuro de Galicia e de toda España.
O líder dos populares galegos apela ao cambio necesario tras a falta de xestión destes últimos oito anos, nos que tivemos que afrontar máis de 100 subidas de impostos -en Galicia baixáronse- e máis débeda que nunca -en Galicia freouse-, “houbo máis diñeiro ca nunca, tamén cos fondos europeos, e a xente vive peor”, lamentou Rueda.
LUIS LÓPEZ: “É IMPORTANTE A UNIDADE DE CARA Á CITA ELECTORAL”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, apelou ao voto útil en Sanxenxo para acadar un cambio no Goberno central. Durante a súa intervención, o dirixente provincial fixo un chamamento á unidade e á mobilización do electorado de cara á cita coas urnas do vindeiro 29 de novembro.
López destacou o ambiente de cohesión e compromiso da agrupación local, asegurando que o encontro de Sanxenxo é sempre un exemplo da forza do partido na provincia. O líder dos populares pontevedreses situou os próximos comicios como unha oportunidade para iniciar unha nova etapa política en España que deixe atrás os últimos oito anos de goberno socialista e permita abrir un tempo de “esperanza e optimismo”.
Luis López centrou boa parte das súas críticas na situación económica e social do país, sinalando que o día a día dos cidadáns reflicte o impacto das políticas do Executivo de Pedro Sánchez. Fronte a este escenario, López reivindicou un modelo político centrado na protección das familias e no apoio aos traballadores, aos maiores e á mocidade. Segundo indicou, o obxectivo da súa formación é garantir a revalorización das pensións, aliviar a carga fiscal e ofrecer estabilidade para que os mozos poidan desenvolver o seu proxecto de vida con garantías de futuro.