O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, sinalou que a última semana de campaña electoral ten que ser aínda máis “intensa”, porque se está facendo “unha campaña en positivo”, pero aínda non rematou, polo que toca facer un último esforzo e seguir traballando. Insistiu en que o único “voto útil”, o que traerá o “cambio necesario” a partir do 29 de novembro, é o do Partido Popular. Nunha semana, a estas horas, temos a oportunidade de que Alberto Núñez Feijóo se converta en presidente do Goberno de España, lembrou nun mitin en Ribeira.
Coa intervención de Rueda concluíu un acto no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola provincia, Fabiola García, no que exerceu de anfitrioa a alcaldesa Mariola Sampedro.
O líder do PPdeG mostrouse satisfeito pola marcha da campaña, cargada de propostas, fronte a polarización e o medo que promoven os partidos de esquerdas, os mesmos que non respectan a Galicia. Neste sentido, apelou a seguir traballando para lograr un Goberno de España que si respecte aos galegos e galegas e que poña fin aos incumprimentos destes oito anos, como a financiación, a vivenda ou a sanidade. “Non hai nada gañado” e, por iso, toca seguir insistindo na necesidade de transformar o “enfado” dos galegos e galegas co sanchismo en votos para o Partido Popular.
Así, nesta semana decisiva ata o 29 de novembro, Rueda chamou a demostrar que en Galicia, onde mellor se coñece a Feijóo, é tamén onde máis se confía nel, no seu proxecto e no seu equipo, como acreditan as catro maiorías absolutas que conseguiu en outras tantas convocatorias electorais autonómicas.
Para rematar, pediu un apoio masivo que dea a Feijóo a maioría ampla que fará posible o cambio que precisan España e que beneficiará a Galicia, despois de oito anos de Sánchez na Moncloa e continuos castigos á nosa comunidade. Durante este tempo, remarcou o líder do PPdeG, “Sánchez só mirou polos seus intereses co beneplácito do BNG”. Dúas lexislaturas de “incumprimentos e corrupción” ás que só pode poñer fin a papeleta do Partido Popular.
DIEGO CALVO: “AGORA TOCA SUMAR, SUMAR E SUMAR”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, destacou a importancia da unidade e do traballo conxunto como claves para acadar a vitoria. Neste sentido, puxo como exemplo ao Partido Popular de Ribeira, subliñando que cando se suman esforzos, se deixan a un lado as diferenzas e se traballa cun obxectivo común, os resultados chegan.
Calvo animou aos afiliados e simpatizantes a afrontar estes últimos días con ilusión, compromiso e mobilización, insistindo en que cada voto conta e que non se pode dar nada por feito. “Agora toca sumar, sumar e sumar. Temos que facer un último esforzo, chegar a todo o mundo e traballar unidos ata o final. Porque cando o PP está unido, é máis forte e está en condicións de ganar”, afirmou.