O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, animou a votar o vindeiro domingo, nas Eleccións Xerais, por un “Goberno do Partido Popular que funciona”, liderado por Alberto Núñez Feijóo; e lograr, así, “baleirar” a Moncloa de Pedro Sánchez e dos seus socios. Un “cambio” do que hai ganas en Galicia, como se comproba na afluencia masiva aos actos da campaña dos populares, pero que require, para logralo, fuxir dun exceso de confianza e non dar a vitoria por asegurada, advertiu.
Rueda pechou o mitin celebrado hoxe en Ferrol, no que tamén participaron o secretario xeral do PP e cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Miguel Tellado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a suplente ao Senado pola provincia, Verónica Casal. Ao acto, no que exerceu como anfitrión o alcalde e tamén número un ao Senado pola provincia, José Manuel Rey Varela, tamén asistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Ante un Teatro Jofre cheo, o líder do PPdeG fixo referencia aos últimos episodios que demostran a desesperación de Sánchez, que ve “negro” o seu futuro despois do 29N: desde as colas, as urnas de cartón e a falta de sobres e papeletas no voto exterior, ás medidas aprobadas en Consello de Ministros, “á última hora”, cando apenas quedan cinco días paras as eleccións. Mentres, lembrou, Felipe González, expresidente do Goberno e do PSOE, non só di que non vai votar o seu propio partido, senón que advirte de que podería facerlles perder millóns de votos se explica o porque deste rexeitamento.
Rueda repasou todo o que está en xogo o día 29: discriminar ou cumprir, privilexios ou igualdade, frivolidade ou xestión, sectarismo ou sentidiño. Poñer fin ás subidas de impostos, ao aumento da débeda, á falta de execución dos fondos europeos, á corrupción, e un longo etcétera que fan tan “necesario” que chegue Feijóo ao Goberno coa súa alternativa de sentidiño e servizo público, de seriedade fronte o “show” do sanchismo.
Con ese obxectivo, apelou a confiar novamente en Feijóo cando abran os colexios electorais o domingo, como nas catro ocasións nas que obtivo a maioría absoluta nas eleccións autonómicas, e como ocorreu en 2023, e facelo de forma masiva. Que Galicia non sexa unha máis, senón a peza clave, a que lle dea a Feijóo o seu mellor resultado, camiño da Moncloa, alentou.
CALVO: “AGORA É CANDO MÁIS TEMOS QUE TRABALLAR”
Pola súa banda, Diego Calvo apelou á mobilización de todo o partido e dos seus simpatizantes para afrontar con forza a última semana de campaña e conseguir unha vitoria nas urnas. O presidente provincial do PP da Coruña pediu aos militantes e simpatizantes que fagan un último esforzo, que saian á rúa, que falen coa xente e que animen a todos os que comparten o proxecto do Partido Popular a participar nestes últimos días. “Estamos na recta final e agora é cando máis temos que traballar. Non podemos dar nada por feito nin confiarnos. Cada voto conta e cada esforzo é importante”, sinalou.
O dirixente popular tamén advertiu de que non abonda con coñecer os erros e as contradicións do PSOE para conseguir a vitoria. “As leccións do PSOE xa as coñecemos, pero iso non significa que teñamos nada gañado. Non podemos pensar que os votos van chegar sós. A única garantía de cambio é a mobilización e a participación”, destacou.
Por último, insistiu na importancia de manter a intensidade ata o último minuto da campaña e trasladou unha mensaxe de confianza e ilusión aos asistentes, aos que pediu implicación e compromiso para lograr o obxectivo electoral: “Temos que chegar a todo o mundo, convencer e mobilizar. O partido ten que estar máis unido e máis activo ca nunca. A vitoria constrúese entre todos e ata o último día”.
REY VARELA: “FEIJÓO COÑECE FERROL E SABE O QUE NECESITA”
O número un ao Senado pola provincia da Coruña puxo o acento na oportunidade que ofrecen as urnas de abrir unha nova etapa política e conseguir que Ferrol teña unha interlocución directa e unha colaboración efectiva entre o Concello, a Xunta e o Goberno central. Feijóo, subliñou, “coñece Ferrol, sabe o que necesita, e a cidade estará presente nas súas prioridades”. Tras demostrar nos últimos tres anos que a estabilidade, a unidade e a capacidade de xestión permiten transformar unha cidade, Rey Varela chamou a escoller a papeleta do Partido Popular o día 29, para que os proxectos estratéxicos conten tamén co impulso do Goberno de España.