Santiago, 9 de marzo de 2018.- A Comisión de Sanidade do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de modificación da Lei de saúde de Galicia, paso previo á súa aprobación definitiva en Pleno. O portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, incidiu que o novo texto lexislativo “blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de distritos sanitarios, consolidándoos como servizo sanitario de futuro en cada unha das súas zonas xeográficas”.
Núñez Centeno explicou que a modificación da Lei 8/2008 “adapta as áreas sanitarias ao actual ámbito das EOXIs, consolidando o modelo de xestión integrada que predomina na sanidade española e europea”. Así, indicou que a nova norma “cita un por un todos os hospitais comarcais como centros de referencia no seu ámbito territorial”.
“Esta organización territorial non provocará ningún cambio de médico nin de hospital para ningunha persoa, máis ben achegará o servizo sanitario á cidadanía, que recibirá unha atención mais próxima ao seu domicilio, garantindo a potenciación dos servizos e especialidades a nivel comarcal”, apuntou. Así mesmo, Aurelio Núñez avanzou que “mellorará a coordinación entre atención primaria e hospitalaria, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, con protocolos únicos de área, e con maior interactuación de profesionais en ambos niveis asistenciais”.
Neste sentido, o portavoz popular subliñou que “o desenvolvemento das EOXIs xa evitou mais de 260.000 desprazamentos de pacientes nos últimos cinco anos dende os distintos concellos dos comarcais aos hospitais das cidades”.
COBERTURA DE PRAZAS
No que respecta á organización por área sanitaria, Núñez Centeno indicou que, “respectando a voluntariedade dos profesionais, axudará a acadar a cobertura das prazas de especialista nos hospitais comarcais diante da posibilidade de traballo en equipo cos hospitais de referencia, regularizará o desprazamento de profesionais entre os distintos hospitais e facilitará a cobertura das posibles ausencias por permisos ou baixas”.
Dentro do eido da participación social, a nova lei desenvolve o Consello Galego de Saúde e os consellos de saúde de área e de distrito; simplifica a regulación dos órganos de participación para facelos máis próximos á representación cidadá, máis realistas e operativos; regula a existencia do Consello Asesor de Pacientes; e considera autoridade sanitaria ao persoal de inspección de servizos sanitarios e de saúde pública, incluíndo como infracción moi grave calquera coacción, ameaza ou agresión ás persoas profesionais da sanidade pública galega.
Ademas, a nova lei regula a colaboración público-privada na investigación, co rexistro de patentes por parte dos profesionais investigadores, a posibilidade de spin-offs públicas e contratos de colaboración coa empresa privada para o desenvolvemento de tecnoloxías, medicamentos ou calquera outro avance que se poda trasladar á cidadanía para a mellora da súa saúde, e que podan xerar emprego de alta calidade e ademais ingresos para o sistema público de saúde.