Santiago, 13 de novembro de 2018.- A loita contra a violencia de xénero será un dos asuntos protagonistas do Pleno do Parlamento galego da vindeira semana, coa comparecencia do vicepresidente da Xunta para informar das actuacións para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero en Galicia e o debate da proposición non de lei do Grupo Popular que solicita ao Goberno central que leve a cabo as reformas lexislativas aprobadas e recollidas neste Pacto de Estado antes de que finalice este ano.
Ante a celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia contra a Muller, o Grupo Popular propuxo a incorporación na orde do día dunha proposición non de lei dirixida ao Goberno central para que realice as reformas lexislativas aprobadas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao tempo que concrete a forma e o prazo para a distribución dos créditos correspondentes a este Pacto de Estado tanto ás comunidades autónomas como aos concellos.
1.000 MILLÓNS DE EUROS
Así mesmo, a proposición non de lei demanda ao Goberno do Estado que reactive os seis grupos de traballo creados no seo da comisión técnica de igualdade, celebrada o pasado 30 de novembro de 2017, co obxectivo de coordinar as accións a desenvolver para a implementación das medidas prioritarias neste ano 2018, coordinadas pola Delegación do Goberno para a violencia de xénero.
O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que o compromiso económico global destinado a desenvolver o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero supón un incremento orzamentario de 1.000 millóns de euros durante os próximos cinco anos distribuídos entre concellos, comunidades autónomas e Administración do Estado.
TRANSPORTE URBANO EN FERROL E PONTEVEDRA
O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se require aos concellos de Ferrol e Pontevedra para que realicen os trámites necesarios para a posta en marcha, á maior brevidade posible, do transporte urbano ao que están obrigados co obxectivo de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns e coordinarse coa planificación do transporte que está a levar a Xunta de Galicia.
Puy explicou que “a Xunta está a traballar nestes momentos, na súa aposta por favorecer os desprazamentos habituais dos cidadáns, na segunda fase do plan de transporte público de Galicia”, polo que considerou que “este é o momento máis acaído para que aqueles concellos, como Ferrol ou Pontevedra, que teñen a obriga de dispoñer de transporte urbano implanten este servizo nos seus municipios”.
Por outra parte, o Grupo Popular preguntará ao Goberno polos resultados da misión comercial que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria realizou a semana pasada a China para participar na I Feira Internacional de Importación, así como pola evolución nos últimos anos da presenza da muller no sector máritimo-pesqueiro.
Cuestionado sobre o posible cobro de peaxes nas autovías e nas vías de alta capacidade, o portavoz popular demandou “rigor e seriedade” ao Goberno central, porque “cando se fan propostas que teñen unha incidencia económica e social tan relevante deben facerse con números na man e cunha oferta de información que neste momento é imprecisa”.