“Ata o de agora dedicabamos 3 millóns, agora serán 10 e falabamos de 1.000 alumnos, agora serán 3.200”, di Feijóo
O Consello da Xunta analizou hoxe dous asuntos relativos a unha das principais ferramentas das que dispoñemos para adaptar o noso sistema educativo ás necesidades do noso tecido económico: a Formación Profesional. En primeiro lugar multiplícase por tres o orzamento, o número de centros, de cursos e de prazas dispoñibles da rede pública de formación para desempregados. “Ata o de agora dedicabamos 3 millóns, agora serán 10 e falabamos de 1.000 alumnos, agora serán 3.200”, debullou o presidente, Alberto Núñez Feijóo.
Isto conséguese comezando a impartir este tipo de formación en 44 centros educativos máis: 25 de Educación Secundaria e 19 de Formación Profesional, para que os profesores de FP impartan formación ás persoas en paro. Cada un dos cursos que se comezarán a impartir nestes centros ofrecerá entre 10 e 15 prazas, polo que en total esta medida suporá a creación de ata 3.200 novas prazas.
Estes centros de FP e ESO sumaranse aos 12 centros integrados de formación para o emprego. En total, nos 56 centros impartiranse, ao longo deste ano e ata agosto de 2018, 334 cursos. “Todos eles dan acceso a un certificado de profesionalidade que ten validez nacional, son cursos que acreditan en toda España a formación da persoa”, explicou Feijóo. Ademais, os cursos seguirán impartíndose nas academias tradicionais de formación.
Tres grandes vantaxes
Dos 10 millóns que se dedicarán a este programa, 6 serán para mellorar o equipamento dos centros onde se imparte Formación Profesional e 4 para pagar ao profesorado e os custes de funcionamento. Estes cursos impartiranse fóra do horario lectivo, polas tardes ou polas noites, polo que os profesores de FP os cobrarán como horas extra. “Conseguimos tres cousas —indicou o presidente da Xunta—: utilizar a potencia instalada de FP en Galicia, mellorar as condicións retributivas dos profesores e mellorar os equipamentos dos centros, como máquinas ou talleres, que serán utilizados pola totalidade dos alumnos”.
Os colectivos preferentes para estes cursos serán as mulleres, os parados de longa duración e os menores de 30 anos. Ademais, se as persoas sen emprego non cobren todas as prazas, poderá reservarse ata un 25% delas para traballadores en activo. A formación vaise centrar na Industria 4.0, con grandes perspectivas de futuro. “Un bo medidor da importancia destes cursos é a súa taxa de inserción laboral, que acada o 56%”, dixo Feijóo. “O Goberno autonómico vai seguir traballando para crear emprego e, dentro das posibilidades que ten unha Administración autonómica, para mellorar a calidade do emprego”, engadiu.
Tres de cada catro graduados de FP no curso 2013/14 xa traballan
Tamén no eido da inserción laboral e da Formación Profesional, o Consello da Xunta analizou un informe que revela que o 76,5% das persoas que se graduaron en FP no curso 2013/14, sobre o conxunto de activos, están a traballar na actualidade. “Isto supón 25 puntos máis que os que declararon que traballaban na última enquisa, do curso 2011/2012”, explicou o presidente. Este informe elaborouse a partir de 3.000 enquisas.
Feijóo tamén subliñou que a matriculación nos ciclos de Formación Profesional subiu un 45% nos últimos oito anos, pois pasamos de 34.700 alumnos matriculados no curso 2008/09 a 50.300 nos curso actual. “Por segundo ano consecutivo, hai máis xente matriculada na FP que en Bacharelato —dixo—. Esta evolución, indubidablemente positiva, é froito dunha aposta estratéxica en materia de Formación Profesional e dun movemento de implantación de novas modalidades como a FP Dual, a FP Básica ou a FP a distancia”.
Analizando polo miúdo os datos da enquisa, por xénero, a inserción laboral é practicamente idéntica. Na media, a dos homes é dous puntos superior, pero nos ciclos de grao superior a inserción das mulleres acada o 81,6%, 1,4 puntos máis que a dos homes. Por grao, os ciclos de grao superior presentan unha inserción laboral do 80,9%, nove puntos superior ca os de grao medio. “Canta máis intensidade ten a Formación Profesional, máis probabilidades de inserción no mercado laboral”, afirmou o presidente.
Por provincias, a que lidera a inserción laboral é a de Lugo, cun 78,7%. A media das outras tres provincias sitúase no 76%. Por familias profesionais, destaca a inserción das de Instalación e mantemento, Fabricación mecánica, Servizos socioculturais e á comunidade, Marítimo-pesqueira e Enerxía e auga, que supera en todos os casos o 80%.
O informe tamén nos ofrece información sobre o tempo que lles levou aos titulados atopar emprego e a adecuación do ciclo ao posto de traballo que desempeñan na actualidade: o 70,6% obtivo algún posto de traballo nos dous anos transcorridos e, de entre estes, o 68,8% fíxoo en menos de seis meses. Ademais, o 63% desempeña na actualidade un emprego relacionado co ciclo formativo cursado. “Son datos que acreditan que as novas políticas de formación de desocupados teñen que pasar pola Formación Profesional”, concluíu.