Actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en favor dun desenvolvemento eólico ordenado, compatible coa protección do medio ambiente e impulsor de riqueza e emprego
O eólico é unha fonte de enerxía 100% renovable, é dicir, dunha enerxía limpa e non contaminante clave para cumprir cos compromisos de loita contra o cambio climático, porque cada GWh evita emisión de 310 toneladas de CO2 á atmosfera. Unha enerxía, polo tanto, que contribúe a conservar o medio ambiente e a biodiversidade nas máis de tres décadas de historia e convivencia na nosa Comunidade Autónoma, que fan posible que o 39,5% da xeración eléctrica de Galicia proceda de fontes eólica.
Estamos nun momento de máxima incerteza económica por unha política de transición enerxética desordenada, inxusta e claramente ideolóxica do Goberno central, que non prevé as consecuencias sobre a industria, as pemes, os autónomos e as familias. Sirva de exemplo que o prezo da electricidade continúa a súa senda alcista iniciada en 2021, ano no que o prezo medio aritmético do mercado diario no MIBEL foi un 229,6% superior ao de 2020, chegando aos máximos históricos de 700 euros por megavatio hora o presente mes de marzo pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e a importancia que ten este deste país nuns mercados enerxéticos que xa estaban en tensión.
Neste escenario, existe unha necesidade clara de establecer un compromiso claro para que Galicia continúe liderando un desenvolvemento eólico compatible que manteña as máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais necesarias para os proxectos que resulten aprobados tras unha tramitación transparente e de conformidade co marco legal vixente, ao mesmo tempo que se da prioridade á preservación dos espazos naturais da nosa Comunidade.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a avanzar na política enerxética impulsada nos últimos anos, consolidando e reforzando as medidas adoptadas en favor dun desenvolvemento eólico ordenado, compatible coa protección do medio ambiente e impulsor de riqueza e emprego, nomeadamente as seguintes:
1.- Asegurar a vixencia do Plan Eólico de Galicia como un instrumento específico de ordenación territorial que está a permitir racionalizar o aproveitamento desta enerxía renovable e maximizar o valor engadido deste investimento sobre o tecido industrial e social da Comunidade Autónoma. Un plan que define unha Áreas de Desenvolvemento Concreta e que, xunto á prohibición de implantar parques eólicos en espazos da Rede Natura, garanten que o 77,5% do territorio galego estea exento de eólicos.
2.- Reiterar a distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros actuais a 5 veces a altura do aeroxerador, para os novos proxectos.
3.- Manter ata o 30 de xuño de 2023 a moratoria para novos proxectos co obxecto de xestionar coas máximas garantías os 275 expedientes de tramitación autonómica existentes, a excepción daqueles que posúan unha función vertebradora e estruturante no territorio.
4.- Reforzar a transparencia, achegando información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas, a través da guía divulgativa sobre a tramitación dun proxecto eólico, a rede de información provincial e a oficina para os propietarios dos terreos sobre a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo, así como os métodos e os criterios de valoración.
5.- Impulsar unha modificación lexislativa aos efectos de dar prioridade na tramitación aos proxectos eólicos en Galicia que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia a través de contratos a largo prazo do prezo da enerxía.
6.- Solicitar ao Goberno do Estado:
a) O cumprimento do marco legal que se ten establecido en Galicia no exercicio das competencias autonómicas, con motivo da tramitación dos proxectos eólicos de máis de 50MW de potencia, facendo decaer aqueles expedientes que non cumpran coa normativa galega e teñan sido informados negativamente pola Xunta de Galicia.
b) A sinatura dun convenio de colaboración entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Xunta de Galicia para coordinar o desenvolvemento eólico na territorio galego, especialmente a efectos de analizar antes da información pública o cumprimento da normativa da Comunidade Autónoma.
c) Establecemento de figuras de priorización na tramitación dos proxectos que sexan da súa competencia en favor daqueles que estean vencellados á consolidación da industria e emprego no territorio, do mesmo xeito que se ten feito na Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
d) Evitar volver a considerar o canon eólico como un suplemento territorial, na medida que se trata dun tributo medioambiental dirixido a compensar o impacto no territorio.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/ro7jPMmKZZpsa4z-oC1uBRTqGEFvDojjTCGjbxkB4NM=