O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o Goberno de Pedro Sánchez insista en converter a Conferencia de Presidentes convocada para o vindeiro 6 de xuño “nun paripé, co único obxectivo de tapar o vendaval de casos de corrupción que día tras día están a afectar directamente ao Presidente Sánchez e ás altas esferas do Partido Socialista”. Neste sentido, considerou “imprescindible que o Goberno de España valore seriamente un cambio na organización das Conferencias de Presidentes, dando máis protagonismo ás comunidades autónomas e ás súas propostas, fomentando o debate entre todos os participantes, fuxindo do habitual monólogo de Pedro Sánchez que sofren os presidentes autonómicos en cada reunión e contando, cando menos, cunha mínima documentación sobre os asuntos a tratar, para poder preparar debidamente cada cuestión e poder facer as súas aportacións para chegar a acordos útiles para a poboación”.
Alberto Pazos amosou o apoio do Grupo Popular “á postura adoptada polo Goberno galego, e por todas as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, de rexeitar o intento do Goberno de Pedro Sánchez de centrar esta Conferencia de Presidentes nos temas de vivenda e formación profesional e universitaria que lle interesan ao Goberno central e convertela nun monólogo do Presidente Sánchez, quedando as comunidades autónomas como meros espectadores, sen posibilidade algunha de debater e facer aportacións sobre outras cuestións nas que tamén están interesadas”.
“De pouco vale que o Goberno central acepte incorporar algunhas das propostas que se puxeron enriba da mesa por parte das comunidades autónomas, se ao final se priva de calquera debate ou intercambio de opinións sobre as mesmas entre os presidentes autonómicos e do Goberno de España”, sinalou o portavoz popular.
ÉXITO EN FUNCIÓN DOS ACORDOS ACADADOS
Neste sentido, afirmou que “o Goberno de España debería ter presente que o éxito das Conferencias de Presidentes non se mide polo número de reunións que se celebran senón polos acordos e consensos aos que se chegan dentro delas, e o que está demostrando o Goberno de Pedro Sánchez é que está máis polo primeiro, é dicir, por sumar unha Conferencia tras outra, servíndose das comunidades autónomas para soltar o seu sermón político, que por pechar unha orde do día da Conferencia coas cuestións que realmente preocupan á gran maioría das comunidades autónomas”.
O portavoz popular explicou que “non só estamos a falar de abordar o novo sistema de financiamento autonómico, porque existen outras cuestións que preocupan as comunidades autónomas e que deberían figurar na orde do día das conferencias de presidentes como o incremento da okupación de vivendas; o financiamento da educación gratuíta de 0 a 3 anos, tal e como se comprometeu o Presidente Sánchez no seu momento; o déficit existente de infraestruturas críticas, no caso de Galicia as vías de comunicación coa Meseta ou o servizo de transporte ferroviario; a seguridade do modelo enerxético, máxime despois do apagón que vivimos hai un mes; o control de fronteiras e a inmigración por parte do Estado; ou o déficit de profesionais sanitarios, algo sobre o que xa vimos insistindo desde Galicia desde hai tempo pero que o Goberno de Pedro Sánchez non acaba de adoptar as medidas que se lle propoñen”.
FALSOS DEFENSORES DO ECOLOXISMO
Por outra banda, Alberto Pazos criticou a “demagoxia e incongruencia” do BNG respecto do sector eólico, porque “os que agora se presentan como máximos defensores do ecoloxismo, protagonizando moitas das demandas que se están a presentar contra proxectos eólicos que se queren implantar neste momento en Galicia, son os mesmos que se vían beneficiados polo concurso eólico do Goberno bipartito de nacionalistas e socialistas”.
“Basta xa de tanto postureo e tanta hipocrisía, porque non se pode estar a favor do eólico cando auguras que pode supoñer uns importantes beneficios persoais e despois ser o principal opositor ao impulso do sector eólico en Galicia, co único obxectivo de paralizar calquera proxecto que se intente poñer en marcha en Galicia, incluso cando falamos de repotenciar parques, reducindo o número de muíños que afean a nosa paisaxe pero incrementando a súa produción”, apuntou.