O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe aos grupos da oposición colaboración e aportacións para conformar o perfil profesional da persoa que ocupara a Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Porén, lamentou que o BNG pretenda “boicotear e dilatar” o procedemento aberto coa súa solicitude de ampliación en 15 días do prazo establecido pola Mesa do Parlamento galego, “cando xa perdín a conta dos anos que levan pedindo o cese ou dimisión do actual director da actual CRTVG e cando xa pasaron dous meses desde a aprobación da Lei de medios públicos de comunicación audiovisual para que nos fixeran chegar ás súas propostas”.
Alberto Pazos lembrou que esta semana mantivo unha primeira toma de contacto cos grupos da oposición para intentar consensuar un perfil profesional da persoa que ocupe a Dirección Xeral da nova Corporación audiovisual. “Queremos que esa persoa poida saír elixida co maior apoio posible deste Parlamento e para iso precisamos saber a opinión dos demais grupos parlamentarios sobre o perfil que consideran máis idóneo”, indicou.
DESCABEZAR A CRTVG SEN ALTERNATIVA
Deste xeito, agradeceu as aportacións feitas nun primeiro momento polo representante do Grupo Mixto e, no día de onte, polo BNG, sobre o que amosou a súa sorpresa porque “solicite agora unha ampliación en 15 días do prazo establecido pola Mesa do Parlamento para o rexistro por parte dos grupos parlamentarios das persoas que optarán á Dirección Xeral, coa escusa de poder negociar a nova Dirección da radio e televisión públicas”.
“Sorprende, en primeiro lugar, porque xa perdín a conta dos anos que levan pedindo o cese ou dimisión do actual director da actual CRTVG e criticando a súa situación de interinidade, o que demostra que o seu único obxectivo era descabezar a Corporación a toda costa, sen ter sequera un posible substituto ou substituta que poñer enriba da mesa para superar esta situación; pero é que, ademais, hai case dous meses que se aprobou a nova Lei, tempo máis que suficiente para que o BNG nos fixera chegar as súas propostas para sometelas a valoración”, indicou.
Alberto Pazos manifestou que “a única xustificación que se nos ocorre para esta solicitude de ampliación do prazo é que o BNG está máis preocupado por boicotear e poñer trabas no desenvolvemento da Lei, que en colaborar na elección do mellor profesional para dirixir a nova Corporación de Servizos Audiovisuais”.
Así mesmo, amosou a súa sorpresa porque o BNG esixa que a persoa que ocupe a Dirección Xeral sexa independente, cunha contrastada traxectoria profesional no xornalismo ou no audiovisual, ou con formación en materia de xénero, algo que xa está recollido expresamente na propia Lei que os nacionalistas votaron en contra”. Do mesmo xeito, anotou que “a lei tamén inclúe outros aspectos sobre a Corporación que agora piden, como gran novidade, os nacionalistas, como a misión de servizo público da Corporación; o seu pluralismo social e político; ou a blindaxe da produción propia”.
NON PERMANENTE A GALICIA
Alberto Pazos tamén se referiu á sesión plenaria celebrada esta semana para criticar que o BNG “volveu quedarse so co seu non permanente a Galicia e aos galegos, neste caso votando en contra de da rebaixa da protección ao lobo ao norte do río Douro e da defensa da actividade industrial e da xeración de emprego, en concreto en contra do proxecto de explotación da mina de litio en Doade”.
“Comeza a ser preocupante esta deriva negacionista na que está sumido o BNG, a primeira forza da oposición en Galicia á que o único que lle preocupa é opoñerse a calquera proxecto que supoña beneficio para Galicia, co agravante de que están a demostrar unha carencia total de proxecto de país, con propostas que poidan poñer enriba da mesa como alternativa ao seu negacionismo sistemático”, sinalou.
Ademais, o portavoz popular manifestou que coa “incrible e delirante proposición non de lei que defenderon, demostraron que seguen ancorados no pasado, submisos ao que ordenen os comandantes e comandantas da UPG, e vivindo no seu mundo irreal con reminiscencias aos seus principios ideolóxicos marxistas e leninistas que aínda defenden”.