Santiago, 4 de xullo de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, insistiu hoxe na necesidade de que o Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, atenda a solicitude realizada polo Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para manter un encontro no que abordar “cuestións urxentes para a Comunidade galega, como é o reparto equitativo e transparente dos fondos europeos, a chegada dos trens AVRIL prometidos para este verán ou as transferencias da AP-9 e do dominio público marítimo-terrestre”.
Alberto Pazos amosou “a preocupación dos deputados do Grupo Popular porque Pedro Sánchez segue a retrasar a entrevista solicitada por Alfonso Rueda, algo que consideramos unha auténtica falta de respecto preocupante, máxime despois de que xa fora recibido polo Rei a semana pasada”. Sobre este último encontro, amosou a esperanza en que Felipe VI “acepte a invitación que se lle fixo para peregrinar a Galicia e asistir o vindeiro 25 de xullo aos actos conmemorativos do Día de Galicia”.
Respecto da entrevista de Alfonso Rueda con Pedro Sánchez, o viceportavoz popular saudou o anuncio feito onte polo delegado do Goberno en Galicia de que o encontro podería realizarse ao longo deste mes. “Non é sen tempo, despois de case dous meses desde que Rueda foi nomeado Presidente da Xunta, que poida tratar co Presidente da Xunta asuntos tan importantes como o reparto xusto e transparente de fondos europeos, a chegada dos trens AVRIL ou as transferencias da AP-9 ou do dominio público marítimo terrestre”, apunto.
Respecto do reparto dos fondos europeos, Alberto Pazos amosou a especial preocupación polos “vaivéns respecto dos investimentos na factoría de Stellantis en Vigo”. Neste sentido, asegurou que “o Goberno central dispón de fondos europeos, sen non é a través do PERTE, máis que suficientes para facer realidade o apoio ao proxecto de vehículo eléctrico en Stellantis, así como para a electrificación total da planta de Balaídos conforme ás necesidades que ten a primeira planta de produción de automóbiles de España”.
SOLUCIÓNS REAIS PARA A SANIDADE
Tamén relacionado co Goberno central, Pazos cualificou de “sorprendentes” as declaracións de Pedro Sánchez publicadas onte nun xornal nas que anuncia que o Goberno central fará fixos a 67.300 profesionais sanitarios. “Neste punto, debe quedar claro que as ofertas de emprego para redución da temporalidade na sanidade foron realizadas polos gobernos das comunidades autónomas e Pedro Sánchez o único que fai e sumar todas as ofertas feitas polos servizos de saúde e vendelas como propias do seu Goberno”, explicou. En concreto, Galicia ten ofertadas na sanidade galega 2.568 prazas para a redución da temporalidade.
Alberto Pazos insistiu que desde Galicia, e outros servizos de saúde das comunidades autónomas, “seguiremos demandando solucións reais, como a eliminación da taxa de reposición na sanidade; reformas urxentes do estatuto marco coa finalidade de resolver os problemas de localidades de difícil cobertura e falta de especialistas; que o sistema de elección de prazas MIR non deixe prazas desertas como ocorreu este ano con 200 prazas en España, das que só 9 afectaron a Galicia; que se realice un posible axuste sobre a nota de corte dos MIR e incluso suprimila; a creación da especialidade de urxencias e emerxencias; a convocatoria de prazas MIR extraordinarias na especialidade de medicina familiar e comunitaria; e que se proceda a crear definitivamente o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios”.
PROXECTOS EÓLICOS ESTRATÉXICOS
Pazos informou, ademais, que o Grupo Popular rexistrou as súas emendas ao proxecto de Lei de áreas empresarias de Galicia. En concreto, proponse a creación dunha Comisión de coordinación da xestión de áreas empresariais de Galicia, recollendo a proposta realizada pola Federación Galega de parques empresariais, que pedía un organismo autonómico con capacidade decisoria e executiva que dirima as posibles diferencias que poida haber polas relacións entre as entidades de xestión e as administracións municipais.
Ademais de simplificar todo o procedemento para declarar un proxecto industrial estratéxico, as emendas permitirán considerar iniciativas empresariais prioritarias os proxectos eólicos que conten con permiso de acceso e permiso de evacuación cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial en Galicia, garantindo polo menos o 50 por cento da súa produción de enerxía. “Con esta disposición, damos un paso máis no respecto ao principio de desenvolvemento territorial sustentable combinado co fomento da actividade económica en Galicia, clave para a xeración de riqueza e de emprego estable e de calidade na Comunidade galega”, dixo.
Por último, Alberto Pazos referiuse aos datos de desemprego coñecidos esta mañá e salientou que Galicia foi a terceira comunidade autónoma coa maior baixada do desemprego no mes de xuño (-5.188), e a quinta en termos porcentuais (-3,55%, fronte ao 1,45% da media española). “Estes datos nos levan a rexistrar en Galicia neste momento un total de 140.932 persoas paradas, a terceira cifra máis baixa de toda a serie histórica, só houbo menos desemprego na Comunidade galega nos meses de xullo e agosto de 2007”, concretou
Respecto das afiliacións á Seguridade Social, o aumento en Galicia (0.75%) é superior á media de España (0,57%), co que Galicia chega aos 1.048.523 afiliados, un nivel superior ao rexistrado hai no 2009.