Santiago, 8 de agosto de 2022- O viceportavoz do Grupo Popular Alberto Pazos presentou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria na que se esixe ao Goberno do Estado o cumprimento do co-financiamento do 50% da Lei de dependencia e que renuncie a imposicións unilaterais de novas medidas ou regulacións que supoñan o incremento de custes para as comunidades autónomas, mentres non cumpra cos niveis de financiamento equitativos e establecidos por lei.
O tamén voceiro de Asuntos Sociais resumiu o modelo de xestión dos servizos públicos sociais do Goberno de Pedro Sánchez en que “o Estado invita e as comunidades autónomas pagan” para referirse as “ocorrencias do Goberno que trata de repercutir nas xa maltreitas facendas autonómicas”.
“A combinación do incumprimento en materia de financiamento, sumada ao aumento de custes derivados da improvisación do Goberno central resulta inaceptable, polo dobre impacto negativo que suporía, por unha banda sobre a facenda galega, e , en segundo lugar, sobre a accesibilidade aos servizos sociais” indicou Pazos.
O viceportavoz popular puxo como exemplos de “medidas estrela” do Goberno central a intención de acadar a gratuidade das escolas infantís dentro de tres anos, “cando en Galicia xa será unha realidade desde o curso que iniciaremos dentro de escasas semanas”. “Galicia foi pioneira xa no 2020, implantando a gratuidade para segundos fillos e sucesivos e a partir do curso 2022/23 e estende a medida para todos os fillos, o que terá un custe anual para a Xunta de 50M€, un gasto que afrontará con fondos propios” polo que solicitou o deputado pouplar que o Goberno central cumpra o seu compromiso e se implique no financiamento coa súa aportación do 50% “dende xa”.
“Improvisación e escurantismo tamén nas propostas do Goberno central para redefinir o modelo e coidados aos maiores, con medidas que suporían dificultades ao acceso dos cidadáns aos coidados, reducioría o número de prazas dispoñibles e que ademais requiriría dun importante orzamento que non foi comprometido polo Goberno do Estado” sinalou Alberto Pazos.
“Recoñece o Goberno central, nesta recta final dunha das peores crises da historia do noso país, que continua a non ter entre as súas prioridades resolver os problemas que de verdade preocupan ás persoas e o único que lle preocupa e facer anuncios e o autobombo no seo do seu goberno de coalición ” indicou o viceportavoz popular.
GALICIA INVISTE O TRIPLO QUE O GOBERNO DO ESTADO EN DEPENDENCIA
“Se o Goberno de España aportase o mesmo que Galicia, non existiría lista de agarda en dependencia” indicou Alberto Pazos, e engadiu que na actualidade a Xunta está a investir o triplo que o Goberno de Estado, achegando o 70% dos fondos fronte ao 30% estatal”.
“O compromiso do Goberno galego coa dependencia ten sido incuestionable e conforma un dos eixos centrais da política social do PPdeG” indicou o viceportavoz e engadiu que “isto motivou a súa inclusión como demanda prioritaria ao Goberno de España na Axenda Galicia o 21 de outubro de 2019, entre os asuntos máis urxentes e prioritarios de Galicia, que o Goberno estatal debía atender”.
Para a mellora dos servizos públicos, unha das esixencias da Axenda Galicia, resulta indispensable o cumprimento do co-financiamento do 50% da lei de dependencia para que se poidan despregar todos os efectos desta norma, indicou Alberto Pazos.
“A este desequilibrio actual, súmase a débeda que o Goberno do Estado arrastra cos galegos e galegas nesta materia, e que xa supera os 2.000 millóns de euros” engadiu o viceportavoz popular e “a pesares de contar cos maiores orzamentos da historia de España, o Goberno central xa recoñeceu que non vai dar cumprimento a súa promesa de achegar o 50% dos recursos á dependencia antes do remate da actual lexislatura”
Por todo elo, o Grupo Popular presentou unha Proposición non de lei para esixir de novo o cumprimento do co-financiamento do 50% da Lei de dependencia para unha participación equitativa da Xunta e o Goberno central e que este renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan incremento de custes na prestación de servizos públicos de carácter social, en tanto non se alcancen os niveis de co-financiamento previstos na Lei 36/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.